Interveñen un lobo ibérico e tres cachorros híbridos nunha leira de Ourense

O propietario dos animais entregounos voluntariamente tras confirmar que se trataba dun exemplar de canis lupus 
O exemplar de lobo ibérico cos tres cachorros híbridos. GARDA CIVIL OURENSE
photo_camera O exemplar de lobo ibérico cos tres cachorros híbridos. GARDA CIVIL OURENSE

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil de Ourense localizou nunha leira anexa a unha vivenda en Quintela de Leirado un exemplar de lobo ibérico, con tres cachorros hibrídos, do cruzamento da loba cun can común. 

Segundo informou o Instituto Armado, o Seprona tivo coñecemento o 14 de novembro de 2018 de que un veciño de Quintela de Leirado tiña nunha leira próxima á súa vivenda un canido que, polo seu comportamento e morfoloxía, podería ser un lobo (Canis Lupus). 

Por iso, relataron as mesmas fonte, realizouse unha inspección do animal e o día 10 de febreiro de 2019 procedeuse á recollida dunha mostra biolóxica de carácter indubitado, para a realización de estudos de ADN que analicen a composición xenética do canido e categorice a súa raza. 

Como resultado desas probas realizadas polo Departamento de Medio Ambiente do Servizo de Criminalística da Garda Civil, obtívose o perfil xenético dos restos biolóxicos analizados, e confirmouse que se trataba dun exemplar de Canis Lupus Signatus (Lobo ibérico). 

O día 12 de febreiro faise cargo dos animais o Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, tras ser entregados voluntariamente polo propietario. 

 

A Asociación Animalista Libera pediu que se estuden "todas as iniciativas posibles" para os lobos e que sexan enviados a un santuario. 

Segundo informou esta entidade nun comunicado, entre as propostas que suxiren os animalistas á Xunta atópase "o contacto con santuarios de cánidos existentes en países como Estados Unidos", onde a protección destes animais tamén se realiza en reservas especializadas no trato con lobos que foron comisados, criados en catividade ou recollidos con feridas provocadas por cazadores. 

A ONG entende que estes recintos "están mellor preparados por espazo e persoal que un Centro de Recuperación galego", que habitualmente, engade, "están saturados e as súas funcións non deben ser o coidado de especies tan características como un lobo ibérico e as súas tres crías híbridas", á vez que reclaman "transparencia por este sorprendente achado nunha localidade ourensá". 

Así, consideran que debería ser a persoa antes responsable dos animais quen se faga cargo dos gastos de transporte "á espera de dilucidade posibles responsabilidades por este contexto onde se mantivo a un animal en perigo nestas condicións", abundaron. 

Comentarios