lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

Intervidas dúas residencias de Vigo e Cangas tras dispararse os positivos ata 189

Residencia DomusVi en Barreiro. GOOGLE MAPS
Residencia DomusVi en Barreiro. GOOGLE MAPS
O centro morracense converteuse no maior foco de toda Galicia ao pasar de oito a 107 casos en cuestión de horas

A Xunta decidiu intervir as residencias de Barreiro (Vigo) e de Cangas, ambas as xestionadas pola empresa privada DomusVi, ante o "elevado número" de positivos por coronavirus entre usuarios e traballadores de ambos os centros.

Nas últimas horas, as cifras de contaxios disparáronse en ambas as residencias, especialmente na de Cangas, que pasa a converterse no maior foco de contaxio por Covid-19 de toda Galicia.

Dos oito positivos, seis residentes e dous traballadores, que informaba este mediodía Política Social, pasouse en cuestión de horas aos 105 contaxios entre usuarios, máis dous traballadores.

Estes dous centros pasarán a ser residencias integradas nas que residirán persoas maiores que xa estean contaxiadas polo covid-19

Ademais, estase á espera do resultado das probas realizadas a outros traballadores deste centro, informaron a Efe fontes de Política Social.

En cando á residencia DomusVi de Barreiro (Vigo), a cifra actualizada é 71 contagios entre usuarios e 11 traballadores.

Tres dos residentes de Barreiro faleceron este luns, que se suman ao que morreu días atrás.

A partir de agora, informa a Xunta, estes dous centros pasarán a ser residencias integradas nas que residirán persoas maiores que xa estean contaxiadas polo covid-19.

Quen dean negativo nas probas, unha vez que o resultado sexa confirmado, serán trasladados a outros centros en función das características de cada caso.

Un deses centros aos que serán remitidos é a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, de titularidade da Xunta e que nestes momentos está sen actividade.

En Galicia contabilízanse 17 usuarios de residencias falecidos, sete dos cales se atopan noutro centro xestionado por DomusVi en Santiago de Compostela

As de Barreiro e Cangas son as dúas primeiras residencias privadas que intervén a Xunta, en calidade de autoridade competente; unha decisión, recorda a administración autonómica, amparada na orde do Ministerio de Sanidade SND/275/2020, de 23 de marzo.

En virtude do disposto nesta orde ministerial, a Xunta designará a un empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas e así garantir a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todos os residentes.

Segundo os últimos datos actualizados este mediodía, en Galicia contabilízanse 17 usuarios de residencias falecidos, sete dos cales se atopan noutro centro xestionado por DomusVi, o de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

A residencia DomusVi San Lázaro (Santiago) contabiliza sete usuarios falecidos dos 17 rexistrados neste tipo de centros en Galicia relacionados coa pandemia do coronavirus.

A cifra de contagios situábase este mediodía en 315.

O número de residencias de maiores en Galicia con polo menos un contaxio é de 28. 

Intervidas dúas residencias de Vigo e Cangas tras dispararse os...
Comentarios