Investigadores galegos avogan por un "confinamento real" de 15 días en Europa

Membros das Universidades de Vigo e de Santiago chegan a esta conclusión tras analizar o número de falecementos e a situación dos hospitais
Una calle vacía, durante el confinamiento. XESÚS PONTE
photo_camera Unha rúa baleira, durante o confinamento da pasada primavera. XESÚS PONTE

Investigadores das Universidades de Vigo (UVigo) e de Santiago de Compostela (USC) concluíron que "a única saída" posible para atallar a segunda onda da pandemia orixinada pola covid-19 é un "confinamento real" da poboación durante un período de quince días en toda Europa. 

É a principal conclusión á que chegaron os investigadores Iván Area, do departamento de Matemática Aplicada da UVigo, e Juan José Neto, da USC, ante o "importantísimo número de falecementos e saturación dos hospitais", en concreto, nas Unidades de Coidados Intensivos. 

O traballo, realizado por estes investigadores desde o inicio da crise sanitaria, susténtase en diversos modelos matemáticos de predición realizados en dúas fases, unha primeira levada a cabo en xaneiro e febreiro de 2020 e outra máis actual, á hora de analizar tanto a evolución de afectados como das necesidades de camas UCI. 

O obxectivo é "predicir o avance da pandemia", en función dos tipos de poboación: persoas susceptibles, infectadas, recuperadas, asintomáticas, superpropagadoras, hospitalizadas, recuperadas e falecidas, así como estimar cantas persoas poden necesitar asistencia en strong <>coidados intensivos. 

"Isto é fundamental porque son recursos altamente especializados para os que é necesario previsión e anticipación", explicaron nunha nota difundida pola Universidade de Vigo estes expertos.

O modelo resultante, no que tamén participaron investigadores do Sergas, foi publicado recentemente na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título "Determinación en Galicia das camas necesarias nas unidades de coidados intensivos".

"O escaso sentido común dalgunhas persoas lévanos a pensar que a única saída posible é un confinamento real en Europa durante 15 días"

Entre os datos utilizados, tomaron as cifras actualizadas da pandemia ofrecidas por organismos como a OMS, que a data 1 de novembro cifra en máis "de 45 millóns casos confirmados no mundo e 1.189.945 mortes provocadas pola covid-19".

"É dicir, ao redor do 2,6 % das persoas infectadas acaban falecendo, cifra que en España é máis elevada, con 1.185.678 casos e 35.878 mortes, isto é, un 3% das persoas infectadas en España falecidos", sosteñen.

Fronte a esta situación, avogaron pola importancia de contar "con datos fiables e robustos" e decisións adoptadas a nivel global tras asegurar que as medidas tomadas a nivel local "non producen máis que unha melloría nun breve espazo de tempo".

"Estamos a ver como se están facendo confinamentos con distintas intensidades a nivel local, provincial, de comunidades autónomas ou de estados. O escaso sentido común dalgunhas persoas lévanos a pensar que a única saída posible é un confinamento real en Europa durante 15 días, con posteriores corentenas estritas para persoas que entren", concluíron estes expertos, quen advirten da necesidade de empezar "a falar xa da terceiro onda".

Respecto da inmunidade de rabaño, estes matemáticos prefiren ser "cautos" ao apuntar que non hai datos de reinfectados, e recordaron casos de persoas que contraeron máis dunha vez a enfermidade. 

Comentarios