Investigados dous veciños da Guarda por unha plantación de marihuana intervida 

Trátase de dous mozos de 27 anos que resultaron ser o fillo da propietaria do terreo onde se localizaron as plantas e un amigo
Plantación de marihuana en Tui. GARDA CIVIL
photo_camera Plantación de marihuana na Guarda. GARDA CIVIL

Efectivos do Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Tui investigaron a dous veciños do municipio da Guarda como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, na modalidade de cultivo e elaboración de drogas, tras serlles intervidas 20 plantas de marihuana. 

Segundo informou o Instituto Armado, trátase de dous mozos de 27 anos, veciños do mesmo municipio da Guarda, que resultaron ser o fillo da propietaria do terreo onde se localizou a plantación e un amigo. 

Por mor das investigacións realizadas polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Tui, tívose coñecemento dunha plantación de cannabis sativa nunha leira contigua a unha vivenda situada na parroquia de Salcidos, no termo municipal da Guarda. 

Ao inspeccionar a leira, nun terreo próximo á vivenda, os compoñentes do Equipo de Investigación localizaron unha pequena plantación de marihuana con 14 plantas camufladas entre a maleza e un pequeno invernadoiro con seis plantas máis, neste caso "de considerables dimensións", abundaron as mesmas fontes. 

As dilixencias instruídas, xunto coas plantas intervidas, foron entregadas no Xulgado de Instrución número 3 de Tui, onde deberá comparecer a persoa investigada cando sexa requirida. 

Con esta actuación, destaca a Benemérita, enmarcada dentro dos servizos que a Garda Civil de Pontevedra ten activados para a detección e erradicación de puntos de produción, venda e distribución de sustancias estupefacientes, "evitouse que as doses que se puidesen obter a raíz do cultivo das plantas de marihuana intervidas destináronse ao tráfico de drogas (menudeo)", concluíu.