lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Investigan a morte violenta dun veciño de Carnota en Francia

O mozo foi vítima dun atraco

As autoridades francesas investigan a morte violenta dun veciño do municipio coruñés de Carnota, que supostamente foi vítima dun atraco en Harfleur (Francia) a pasada semana.

Segundo explica a Europa Press o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, que estivo luns coa familia do falecido, o mozo de 31 anos desapareceu na noite do pasado martes logo de participar ese día nun curso de formación con outros compañeiros.

O mozo levaba uns meses empregado nunha empresa luxemburguesa de mantemento eólico e traballaba nesta zona da rexión da Alta Normandía.

A compañía chamou ao día seguinte a casa dos pais ao non aparecer no seu posto de traballo. O venres localizouse un cadáver nun hospital, que foi recoñecido por un compañeiro como o do mozo carnotán. O seu falecemento produciuse no centro hospitalario na tarde do xoves.

Este veciño de Carnota presentaba diversos "golpes na cara", polo que "foi incluso difícil de recoñecer" para o seu compañeiro de traballo. Ademais, apareceu "sen carteira, sen teléfono móbil e sen documentación". "Todo indica que foi un atraco ou algo así", expresa o rexedor.

O consulado español na zona trasladou á familia que a policía francesa iniciou unha investigación, polo que se prevé que a repatriación do corpo "tarde máis" e non leve a cabo ata dentro duns días.

A familia, residente na parroquia carnotá de Lira, está á espera da autopsia que se prevé levar a cabo este luns.

Investigan a morte violenta dun veciño de Carnota en Francia