Jácome e Baltar mostran vontade de entendemento durante este novo goberno de coalición

Na primeira reunión conxunta entre ambos representantes de DO e PP, definiron estes días como "os de maior entendemento que nunca". 
 

636978582392476517w
photo_camera "Boa sintonía" entre Baltar e Jácome. BRAIS LORENZO (EFE)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o rexedor local, Gonzalo Pérez Jácome, aparcaron as súas diferenzas de pasadas lexislaturas para mostrar vontade de entendemento durante o novo goberno de coalición PP-DO á hora de "avanzar" na posta en marcha de temas estratéxicos, tras unha etapa anterior marcada por continuos enfrontamentos entre ambos os políticos.

Tras recoñecer “o paradoxo” que supón a nova situación, o líder de Democracia Ourensá, Pérez Jácome, quen chegou a referirse ao presidente da Deputación como “psicópata de gravata”, avogou por deixar atrás o pasado e “abrir” este novo tempo político de maior “entendemento que nunca”.

Jácome destacou a “boa sintonía” do grupo de goberno coa Deputación, á que chegou a referirse como "a administración irmá”, ao entender que vai permitir abrir unha “vía de cooperación que vai fortalecer á provincia e á cidade” como “antes non existía”. Ambos os representantes garantiron a súa intención de incrementar “as reunións”, que serán “mensuais” a fin de tratar todos aqueles asuntos de carácter institucional onde “alternarán o espazo”; segundo avanzou o presidente provincial. 

A este respecto, Baltar remarcou non só a "excelente relación” entre ambas as institucións senón que tamén destacou a “lealdade” e “colaboración” como “folla de ruta” para sacar adiante “obras, actuacións e infraestruturas” co concello como “o motor” da provincia. 

No que respecta ao proxecto para a realización dun parque acuático, o alcalde de Ourense especificou que o goberno quere estudar coa Xunta a posibilidade de compaxinar o proxecto en Monterrei coa proposta alternativa para facer "un diferenciador" en Untes con auga termal.

Pérez Jácome tamén se mostrou optimista ante a perspectiva de crear un centro de intelixencia artificial na cidade: "Se conseguimos ter no futuro a centenares de científicos traballando no máis espectacular da ciencia que é a intelixencia artificial e somos un centro pioneiro en España nese campo, vai cambiar a economía e devir de Ourense”.

Comentarios