lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Jácome saca a Ourense do protocolo de violencia machista e logo reconsidérao

Pérez Jácome. AEP
Pérez Jácome. AEP
O alcalde culpa á xefa da Policía Local de tomar a decisión. "Fiámonos plenamente da máxima experta", apuntou

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), culpou á xefa da Policía Local da decisión de retirar ao Concello do protocolo 'Viogen', un sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero na cidade, e puntualizou que se revisará" esta resolución. 

Así o trasladou o rexedor en rolda de prensa, onde achacou que "a decisión tomouse por unha recomendación técnica", pero que non é definitiva. 

Ata agora, a Policía Local achega "unha persoa" para o sistema 'Viogen', con 31 casos baixo a súa responsabilidade, mentres que a Policía Nacional manexa 111 expedientes. 

Por este motivo, engade, a responsable do corpo policial municipal trasladou ao rexedor que sería "moitísimo mellor que o servizo o dean a Nacional e a Autonómica". 

Así "e nos próximos días" comprobarase a información achegada e procederase politicamente ou non, porque se cadra a técnica equivocouse". 

"Non se pode ter un servizo que se está facendo mal cando hai outros corpos que o poderían facer mellor", defendeu Jácome ao mesmo tempo que negou que se trate dunha "cuestión de diñeiro", senón que "non se pode contratar a máis axentes" a día de hoxe. "Cando fagamos o concurso de prazas para ter 20 policías locais máis, tardaremos ano e medio ou dous anos". 

O líder de DO apelou á oposición, "que sempre está a dicir que hai uns excelentes profesionais" e que el os critica, para que reclamen "agora aos técnicos e en concreto á xefa da Policía, porque foi ela quen recomendou" tomar esta determinación, "e non a Alcaldía". 

"Nós o que fixemos foi fiarnos plenamente da máxima experta", concluíu Jácome, que, de non cambiar de rumbo, fará efectiva o abandono do 'Viogen' o 22 de marzo do 2020.

OPOSICIÓN. O portavoz do PSOE no Consistorio, Rafael Rodríguez Villarino, en declaracións a Europa Press, sinalou a Gonzalo Pérez Jácome como "o máximo responsable das decisións" do Concello de Ourense e, en concreto, "deste erro clamoroso". 

"Non pode escudar unha decisión política en ningún tipo de valoración técnica porque el e a concelleira de Seguridade Cidadá, María do Mar Fernández, solicitaron unha reunión extraordinaria da Xunta de Seguridade Local" coa finalidade de expor "a retirada do 'Viogen' e eliminar a oficina municipal de denuncias", esgrimiu o tamén secretario xeral do partido na provincia. 

Por mor desta polémica, os socialistas pedirán un "pleno extraordinario para tratar este asunto" no caso de que o rexedor non rectifique. 

Na mesma liña mostrouse José Araújo, voceiro de Cs, quen afirmou a Europa Press que Jácome, "como sempre", botoulle "a culpa aos funcionarios, cando eles traballan cos medios dos que dispoñen". Apuntou, así, ao rexedor como o responsable de retirar a Ourense do plan precisamente "por non estar a pensar en dotar de medios ao Local para que poida facer o seu traballo". 

O BNG, pola súa banda, presentou unha iniciativa para que o Concello "non salga do protocolo" porque "é unha auténtica barbaridade deixar ás mulleres vítimas de violencia machista absolutamente soas e á deriva", reiterou o seu portavoz, Luís Seara. 

"Fronte ao que están a facer a maioría dos concellos do país, que é adherirse ao protocolo, o alcalde e o seu grupo de Goberno, porque é unha decisión do grupo de Goberno, decidiron saírse porque non hai efectivos", subliñou Seara. 

Jácome saca a Ourense do protocolo de violencia machista e logo...
Comentarios