Lastra coloca a axenda galega "no centro do Consello de Ministros"

"O Goberno necesita un interlocutor en Galicia que saiba xestionar, que saiba cales son as necesidades e as prioridades desta terra", manifestou a dirixente socialista
Adriana Lastra e Gonzalo Caballero, este sábado en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Adriana Lastra e Gonzalo Caballero, este sábado en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, asegurou este sábado que a axenda galega "está no centro do Consello de Ministros" do novo Goberno central que presidirá Pedro Sánchez.

Lastra pronunciouse así durante a súa participación nun acto do partido en Santiago de Compostela, no que defendeu o compromiso do Executivo socialista con Galicia e aproveitou para incidir sobre a necesidade dun cambio na presidencia da Xunta que favoreza a interlocución entre ambas as Administracións.

"O Goberno necesita un interlocutor en Galicia que saiba xestionar, que saiba cales son as necesidades e as prioridades desta terra", manifestou a dirixente socialista, que renegou do actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, por consideralo cómplice da viraxe á ultradereita do seu partido, o PP.

"Noutras épocas parecía que era como o progre do PP", declarou Lastra, en alusión ao mandatario autonómico, a quen comparou co exalcalde de Madrid Alberto Ruiz Gallardón, antes de afirmar que "todo o mundo pensaba fóra de Galicia que era a dereita moderada e ao final vai ser que é o máis de ultradereita de todo o Partido Popular".

No relativo á axenda galega do novo Goberno central, a portavoz do PSOE no Congreso dos Deputados incluíu como asuntos prioritarios a xestión dos fondos europeos para agricultura e pesca, a aprobación dun estatuto para os consumidores electrointensivos, as subidas das pensións e o salario mínimo ou o traspaso da autoestrada AP-9.

"Tivo que chegar un Goberno socialista e un ministro valenciano a solucionar o tema da AP-9", subliñou Lastra, que previamente relatara distintos agravios dos gobernos do PP de José María Aznar e Mariano Rajoy relacionados con esta infraestrutura.

"O que ten que primar é, ao final, a igualdade entre todos os galegos e todos os españois, resumiu a parlamentaria socialista, que agradeceu "o apoio e o respaldo do PSdeG" nas "intensas e duras" semanas previas á investidura e que prometeu retribuílo en forma de colaboración para que a división galega do partido concorra en óptimas condicións aos próximos comicios autonómicos.

O obxectivo final –manifestado Lastra– é lograr un cambio no goberno da Xunta que permita estender "ata o último recuncho de España" o "proxecto nacional" do PSOE.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén participou neste acto e no seu discurso tratou de reafirmar a mensaxe de que existe unha maioría progresista en Galicia "que emerxe e que quere pasar páxina fronte á etapa de Feijóo" para "deixar atrás o desastre e o fracaso de once anos" de goberno conservador.

Neste tempo, criticou Caballero, o PP non foi capaz de resolver os problemas galegos en materia de demografía, benestar, territorio ou sanidade; mentres que o presidente Feijóo "intenta amagar parecendo que é un home centrista pero representa á dereita conservadora, a dos recortes" e a "falta de sensibilidade".

"Hai unha Galicia que quere cambiar", remarcou o líder do PSdeG, disposto a liderar esa maioría nun 2020 que vaticinou que "vai ser o ano do cambio" e ao que o seu partido chega cos "deberes feitos" e tras superar "con nota" as probas electorais celebradas en 2019.

Só queda, polo tanto, "traballar por unha Galicia mellor, por unha Galicia de oportunidade, por unha Galicia de futuro" desde unha organización á que se referiu como “a esquerda que sabe gobernar" e que cualificou de garantía "de futuro" para "resolver os retos" que xurdan durante a próxima década.

Así mesmo, entendeu como necesario que haxa neste territorio un "Goberno progresista que reme a favor dos tempos" e traballe de xeito conxunto co Executivo central no canto dun que forme parte do "resorte da dereita troglodita e retrógrada" que existe noutras partes do Estado.

Comentarios