Lavacolla xa se chama Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro

Reivindícase "a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia"
Pasaxeiros no aeroporto Rosalía de Castro. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Pasaxeiros en Lavacolla. PEPE FERRÍN (AGN)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o novo nome oficial da terminal compostelá de Lavacolla: Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, en honra á escritora galega do século XIX.

O cambio foi impulsado polo executivo local anterior, e posteriormente obtivo o respaldo de todas as forzas políticas, como se evidenciou a través dunha iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento.

O acordo que publica este xoves o BOE certifica que o Concello de Santiago acordou solicitar ao Ministerio e a Aena o cambio de denominación para "pór de manifesto a relevancia da escritora máis representativa da lingua galega, con motivo do 180 aniversario do seu nacemento".

Coa denominación do aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, reivindícase -engade o documento oficial- "a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia".

A orde, que subscribe o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, conclúe que os gastos derivados do cambio de denominación proposto serán sufragados polo Consorcio de Santiago.

Comentarios