Libera reclama Luns Sen Carne nos comedores da Xunta e as grandes empresas

A iniciativa, xa aplicada en varias cidades do mundo, busca "concienciar sobre o respecto cara aos animais, a saúde e a crise climática"

Un comedor escolar. XESÚS PONTE
photo_camera Un comedor escolar. XESÚS PONTE

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber propuxeron este luns á Xunta de Galicia que aplique o modelo Luns Sen Carne nos comedores das súas diferentes consellerías e departamentos, á vez que estenderon esta petición ás grandes empresas establecidas na comunidade.

"Ademais do seu carácter simbólico, esta iniciativa supón renunciar durante un día da semana a produtos de orixe animal, concienciando sobre o respecto cara aos animais, a saúde e a crise climática", segundo explica Libera a través dun comunicado, no que precisaron que este plan "foi popularizado por rostros coñecidos en Los Ángeles e Nova York".

Ademais, a asociación animalista considera que esta medida garantiría "a diversidade de opinións e oportunidades alimentarias", tendo en conta que, "segundo unha enquisa da consultora Lantern de 2018, o 9,9% da poboación xa se declara veggie".

Segundo sinala Libera, esta iniciativa aplícana en cidades como Gante, Edimburgo ou São Paulo e gobernos estatais como os de Portugal e Chile, mentres que en Francia e Inglaterra "ofrécense garantías a calquera neno de alimentarse exclusivamente con produtos de orixe vexetal e cun menú equilibrado elaborado por profesionais".

Con respecto ás grandes empresas, a asociación destacou a importancia de que grandes compañías internacionais aposten por este modelo, xa que tería un "gran poder positivo", e emprazou directamente a Inditex a instaurar os Luns Sen Carne nos "seus centros de traballo na Coruña e Narón".

Comentarios