Liberan unha egua preñada cun cepo nunha pata

O suceso ocorreu en Ferrol e a Policía Local ocupouse do animal
Imaxe de arquivo dunha egua.
photo_camera Imaxe de arquivo dunha egua.

A Policía Local de Ferrol liberou unha egua "preñada que tiña un cepo nunha pata e que se movía con moita dificultade", asegurou este martes o municipio ferrolán, que sinalou que o suceso ocorreu na zona de Porta de Neira, no barrio de Catabois. Segundo o consistorio, "axentes municipais que desenvolvían labores de vixilancia" no lugar foron avisados do incidente. Así, o équido permanecía "nunha propiedade próxima" sen acceso "a alimento nin auga". 

"Ao parecer, levaba varios días nesa situación, segundo a persoa que os informou", engadiu o goberno local. Posteriormente, os policías "liberárona do cepo e atárona nunha zona na que si había herba" e pediron "a presenza de persoal do servizo de lacería" da cidade. Con todo, os seus responsables non puideron "identificar ao propietario do animal a través do microchip que levaba implantado, polo que se abriu unha investigación para dar con el". 

Ante este suceso, a Fundación Franz Weber aplaudiu esta intervención e sostivo que o elemento que colocou "o gandeiro ao animal evidencia a intencionalidade de evitar grandes desprazamentos". 

Ao seu xuízo, o seu obxectivo sería vender o poldro "unha vez nacido a un matadoiro ou a un tratante que o puidese trasladar para a súa explotación en condicións extensivas noutras localidades". Do mesmo xeito, afeou que o "uso de trancas ou cordas provoca en animais severas feridas físicas". 

A entidade destacou que se pode causar "a mutilación parcial das súas patas, pero tamén un problema engadido para condutores". "Intérnanse nas estradas comarcais cunha dificultade engadida de mobilidade, o que pode provocar graves accidentes de circulación", remachou. Na súa opinión, esta situación "está moi lonxe de resolverse e a proliferación de équidos en situación de inmovilización parcial é moito maior que os casos que saen " luz .