Libres con cargos os dous detidos pola liorta multitudinaria de Pontevedra

O xuíz impuxo a ambos unha orde de afastamento que lles impide achegarse a dúas menores que denunciaron un episodio de abusos, o que desencadearía a pelexa entre clans

Familiares dos detidos ás portas da Comisaría de Pontevedra. DP
photo_camera Familiares dos detidos ás portas da Comisaría de Pontevedra. DP

O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade dous homes de 23 e 42 anos detidos na madrugada do domingo ao luns por mor dunha liorta multitudinaria na rúa Xosé Casal de Pontevedra entre integrantes de dúas familias de orixe romanesa. 

O xuíz impuxo a ambos unha orde de afastamento que lles impide achegarse a dúas menores que horas antes da pelexa foron supostamente vítimas de abusos sexuais, que desencadeou os acontecementos posteriores e que agora está a ser investigado. Ademais, a un dos detidos impútaselle un delito de atentado á autoridade. 

Segundo informaron fontes xudiciais e policiais, a orixe da batalla campal que implicou a unhas 25 persoas de dúas familias de orixe romanesa sitúase nun episodio de abusos sexuais rexistrado sobre as 20.00 horas do domingo na praia fluvial do río Lérez, entre Pontevedra e o barrio de Monte Porreiro. 

Estas mesmas fontes sinalaron que dúas mozas menores de idade, de 12 e 14 anos, acudiron cunha muller da súa familia á primeira hora da noite do domingo á Comisaría da Policía Nacional para denunciar que sobre as 20.00 horas foran vítimas dun episodio de abusos sexuais.

FERIDOS. Tras esa denuncia, a partir das 21.30 ou as 22.00 horas empezou o enfrontamento que desembocou en liorta e que deixou a tres axentes feridos, dous da Policía Local e un da Nacional, tras ser atacados por un individuo armado cun martelo. 

Esta pelexa tivo lugar na rúa Xosé Casal onde residen familiares das dúas menores e testemuñas presenciais relataron que a violencia foi tal que chegaron a saltar macetas polo aire. A rifa tumultuaria prolongouse ata entrada a madrugada. 

Os axentes da Unidade Orgánica de Policía Xudicial traballan para identificar a todas as persoas que se viron implicadas neste suceso.