Chamada á orde a Villares por insistir en falar en nome de En Marea

O presidente do Parlamento reiteroulle que agora só representa ao Grupo Mixto

Pleno del Parlamento
photo_camera Intervención de Villares no Hemiciclo. PEPE FERRÍN

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, chamou á orde este mércores ao portavoz do grupo mixto e antigo portavoz de En Marea, Luís Villares, quen insistiu en falar ante o pleno defendendo unha postura en nome do grupo de En Marea, unha fórmula pola que xa fora reprendido na sesión anterior.

"Iso é un chascarrillo? Agora mesmo vostede é do grupo parlamentario mixto, sen ningún apelido, máis adiante xa veremos como vai", sinalou Santalices, quen retirou do diario de sesións as afirmacións de Villares en nome doutra formación por "arrogarse a representación de En Marea". O deputado xa tivera na anterior xornada do pleno un desencontro con Santalices por referirse a si mesmo como portavoz de En Marea, tras o que pasou a dicir que interviña "en nome do partido En Marea, que opera no Grupo Mixto do Parlamento de Galicia", unha presentación que tampouco foi do agrado de Santalices.

O desta semana é o primeiro Pleno do Parlamento galego que se celebra tras a división do grupo de En Marea e iso provocou que o propio Santalices tivese que pedir aos portavoces de todos os grupos maior brevidade nas súas intervencións para facilitar o desenvolvemento do mesmo, xa que agora todas as iniciativas inclúen unha quenda máis de palabra para poder dar voz ao Grupo Mixto.

Comentarios