Localizado un cadáver nun piso da Coruña onde pouco antes detiveran o autor dun roubo

Os primeiros indicios apuntan a causas naturais
Avenida Finisterre de A Coruña. GOOGLE MAPS
photo_camera Avenida Finisterre da Coruña. GOOGLE MAPS

Axentes da Policía Nacional localizaron un cadáver nun piso da Coruña onde pouco antes detiveran outra persoa como presunto autor dun roubo nunha óptica. Segundo informaron fontes policiais, os feitos producíronse o martes logo duns arrestos por un roubo cometido nun negocio da avenida de Finisterre, na cidade herculina.

Como presuntos autores, os axentes detiveron dous mozos, de 22 anos. Un deles foi arrestado nas inmediacións do lugar do roubo, na zona do parque de Santa Margarita, pouco despois de que se cometese o delito. A detención do outro mozo tivo lugar nunha vivenda na que despois sería localizado o cadáver por outros policías. 

Estes últimos acudiron até alí tras recibir o aviso de residentes no inmoble ao comprobar que esta persoa, que se atopaba na cama, estaba morta. Sobre o seu falecemento, as fontes policiais consultadas precisaron que non se apreciaron indicios de violencia polo que apuntaron a causas naturais. 

Comentarios