Localizan o corpo sen vida dun mozo de 22 anos que desaparecera en Avión

A familia botouno en falta a primeira hora da madrugada deste sábado
Lugar onde foi achado o cadáver. TVG
photo_camera Lugar onde foi achado o cadáver. TVG

Efectivos de emerxencias localizaron este sábado o corpo sen vida dun mozo de 22 anos veciño do municipio ourensán de Avión que fora dado por desaparecido a primeira hora da madrugada deste sábado.

Segundo a información do 112-Galicia, foron os efectivos do GES da localidade e axentes da Garda Civil os que localizaron o corpo nunha zona de monte do lugar de Praza sobre as 17,30 horas.

En concreto, o 112 tivo coñecemento de que o mozo desaparecera ao redor das 15,00 horas, a través da chamada dun particular, que explicaba que se lle perdeu a pista durante a noite.

Nese momento activouse un operativo de procura coordinado pola Garda Civil, no que participaron efectivos do GES de Avión, Protección Civil e Policía Local que, finalmente, atoparon o corpo do mozo. As forzas da orde investigan as circunstancias dos feitos.

Segundo apunta La Región, o tráxico suceso puido desencadearse por unha caída desde un muro duns catro metros de altura.