A lucense Isabel Pardo de Vera, primeira muller á fronte de Adif

A galega, que ocupou distintas responsabilidades na compañía, tamén foi directora de mobilidade da Deputación de Pontevedra

Isabel Pardo de Vera. TOÑO PARGA
photo_camera Isabel Pardo de Vera. TOÑO PARGA

O Consello de Ministros prevé nomear este venres á enxeñeira lucense Isabel Pardo de Vera como presidenta de Adif, compañía na que substituirá a Juan Bravo e na que xa exercía como directora xeral de Explotación e Construción. Así o confirmaron a Efe fontes do Ministerio de Fomento.

Co seu inminente nomeamento, o ministerio de Fomento presidido por José Luís Ábalos elixe a un perfil técnico e a unha persoa da casa para ostentar a presidencia do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

Pardo, que tamén foi directora do Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, exercía como número dous de Adif baixo a presidencia de Juan Bravo, que foi nomeado no cargo o 18 de novembro de 2016 coincidindo coa chegada de Íñigo de la Serna á fronte do Ministerio.

Bravo, que exercía previamente como conselleiro delegado de Metro Madrid, desenvolvera a súa carreira política ligado a Alberto Ruiz Gallardón e ás institucións madrileñas.

Isabel Pardo (Lugo, 1975) converterase na primeira muller que ostenta a presidencia de Adif, unha compañía que coñece á perfección, segundo as mesmas fontes, do mesmo xeito que o estado de cada unha das liñas de alta velocidade que se están proxectando e que poderían entrar en operación pasados uns meses.

Distintos postos en Adif
Pardo, que ocupou distintos postos de responsabilidade en Adif, relevou en xuño de 2016 a Javier Gallego á fronte da dirección xeral de Adif Alta Velocidade. Asumiu entón a dirección xeral de Explotación e Construción, unha área que cambiaba de mans por terceira vez en ano e medio.

Á súa vez, Gallego relevou no cargo a Antonio Gutiérrez, que dimitiu como director xeneral de Explotación e Construción de Adif o 24 de decembro de 2014 despois de que o túnel da Ave en Xirona se alagase por segunda vez en menos de dous meses.

No sector privado, Isabel Pardo traballou entre 2002 e 2007 en Sondaxes, Estruturas e Geotecnia. No ámbito público, foi así mesmo directora do Servizo de Mobilidade da Deputación Provincial de Pontevedra e ocupou distintos postos de responsabilidade en Adif.

Este nomeamento é o primeiro que se produce nas empresas públicas dependentes de Fomento, que engloba tamén a Renfe, Aena, Enaire, Ineco, Portos do Estado ou Salvamento Marítimo.

A entrada en servizo de novos tramos de alta velocidade podería ser unha realidade en tan só uns meses. No horizonte máis próximo está previsto que entren en operación o túnel entre Atocha e Chamartín, o tramo Vandellós-Tarragona do Corredor Mediterráneo ou a liña Antequera-Granada, todos eles xa en probas.

Tamén se traballa para concluír as obras da conexión Venta de Baños-Burgos, do tramo zamorano do corredor galego e da alta velocidade a Murcia, cun proxecto de soterramento fortemente demandado. O impulso do Corredor Mediterráneo será outra das prioridades ás que terá que facer fronte.

Comentarios