Luís Villares, voceiro de En Marea

"Non consentiremos que Podemos faga de En Marea a súa franquicia rexional"

Tras curar as feridas do plenario no que as súas teses saíron derrotadas fronte aos críticos, o maxistrado en excedencia mantén a súa intención de loitar pola portavocía nas eleccións internas de decembro, consciente de que o seu proxecto "co corazón, a cabeza e os pés" en Galicia impedirá unha marea "sucursalista" que reduza os inscritos a "pegacarteis"

Luís Villares Naveira (Lugo, 1978), no patio interior do Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares Naveira (Lugo, 1978), no patio interior do Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN (AGN)

Foi o plenario o principio da fin de Luís Villares na política?
Non. O plenario é un punto e seguido, porque En Marea é un proceso aínda en conformación, e o relevante é o proxecto político, non tanto o que pase con Luís Villares, que o decidirán os inscritos. O plenario foi a primeira parte e falta a segunda, as eleccións telemáticas, que conformarán de forma máis estable para os vindeiros anos o que será En Marea.

Mantén a intención de presentarse para reeditar a portavocía?
Si, por suposto. Síntome con ganas, estou ilusionado e vexo que hai un equipo que traballa por unha marea soberana, republicana e mestiza na que os inscritos sexan os que gobernen o espazo. Ese é o proxecto no que eu me sinto cómodo e ao que eu vin servir.

E teme que, se non gaña, o remuden tamén como voceiro parlamentario, como xa insinuaron Martiño Noriega ou Tone?
Debe quedar moi claro que quen puxo a voceiría do grupo parlamentario foron as 11.000 persoas que votaron nas primarias das autonómicas de 2016. O Consello das Mareas que entre decidirá o voceiro ou voceiros orgánicos, pero o parlamentario foi decidido en primarias directas nun encargo que dura catro anos, así que calquera outra lexitimidade estaría máis que condicionada por iso. Pero se alguén quere convocar outras primarias, é libre de facelo.

Críticos
"Non aceptarei dentro de En Marea prácticas corruptas e se iso me custa o posto, pois ireime para a casa con toda a dignidade"

Feijóo sempre presume de que ante el pasaron moitos voceiros da oposición. Non cre que cambialo a vostede a metade de lexislatura sería darlle a razón?
Aquí ninguén dixo que fose haber unha remuda e os únicos que o poden dicir son os inscritos. Feijóo dicía que eu non ía durar un ano de voceiro de En Marea, e Tellado anunciou en agosto que eu xa non volvería tras o verán. Todos os grandes profetas de En Marea erraron así que imos darlles o disgusto de que se sigan equivocando.

Acostumado a gañar as votacións, como dixeriu a derrota no plenario?
Calquera demócrata ten que aceptar que os inscritos non pertencen a ninguén, que son libres para tomar decisións e que, ademais, nunca se equivocan. Así que o tomei con total normalidade.

Séntese perseguido no espazo?
En absoluto. Síntome arroupado pola xente inscrita coa que me cruzo a diario na tarefa que desenvolvo por todo o país. Se alguén fai algún comentario que me desagrade, non deixo de entendelo como unha declaración particular.

Pero lamenta ter que dedicar demasiada enerxía a vixiar as costas?
Por suposto que me gustaría non ter que dedicar nin un minuto a custións internas, pero por una razón: todas as enerxías deben ser para responder á xente que depositou en nós a súa confianza para que lles resolvamos os problemas e lles deamos alternativas ao sufrimento causado pola política do PP.

Acúsano de entregarse á estratexia de Cerna e de Mario López Rico?
Aquí convén contar a verdade. Esa acusación vén da composición dunha maioría distinta á prevista no Consello das Mareas, porque se fracturou a lista Máis Alá. E por que se fracturou? Porque determinada xente non aceptamos tres chantaxes: a primeira, que había quen pedía excluír as outras dúas listas da coordinadora e do Consello malia ter o 42% dos votos, cando os estatutos obrigaban a que eses órganos fosen proporcionais; a segunda, porque os estatutos obrigaban tamén a pactar un programa entre todas as listas, negociación na que ían incluídas as portavocías; e a terceira, porque houbo xente na nosa lista que de costas a todos pactou de forma irregular sete liberacións, e iso é unha práctica corrupta con todas as letras. Así que algúns non aceptamos por razóns éticas e políticas e fracturamos a lista. A incorruptibilidade e a firmeza ética de principios e valores levan a tomar decisións incómodas e traumáticas e esa foi unha delas. Pero que teñan claro todos que volvería facelo, porque non estou disposto a aceptar en En Marea prácticas corruptas nin a vulneración das minorías. Farei valer iso ata o final e se leva a que me destitúan, pois ireime para a casa con toda a dignidade de facer valer os principios éticos e políticos nos que creo.

Parlamento
"A portavocía elixírona 11.000 inscritos en primarias directas e foi un encargo para catro anos; iso non ten porque cambiar"

Ten solución En Marea?
Si, porque hai eleccións dentro dun mes e entón os inscritos poderán escoller entre dous proxectos. O que nós tentamos sacar adiante é o dun espazo soberano, republicano, mestizo, transversal, plural, moi aberto e pouco ideoloxizado, que teña os pés, a cabeza e o corazón no país, no que as decisións se tomen dentro de En Marea e non fóra e no que manden os inscritos e sempre se rindan contas ante eles. É un modelo que pode estar influenciado pola ideoloxía dos partidos que impulsaron o espazo, pero non pilotado por eles. Fronte ao noso proxecto haberá un que se revela como sucursalista de Podemos, onde manden as cúpulas dos partidos e onde os inscritos sexamos reducidos a pegacarteis.

Algo así foi xusto o que denunciou Alexandra Fernández no plenario: un control de Podemos sobre o grupo de En Marea no Congreso.
Quedou claro que o problema é que En Marea non exerce a dirección política do grupo porque nin sequera veñen rendir contas antes os inscritos, algo inaceptable en termos democráticos neste espazo. Nas eleccións teremos que escoller entre un proxecto propio e outro no que non sexamos máis que un apéndice rexional, unha especie de verniz galeguista para Unidos Podemos, algo ao que nin eu nin moita xente estamos dispostos. Non imos consentir que Podemos convirta En Marea na súa franquicia rexional.

Detecta xa inxerencias de Unidos Podemos no espazo en Galicia?
A maioría que sustenta o Consello das Mareas e a coordinadora non está condicionada por iso, pero no proxecto que se está artellando de cara a esas eleccións danos a sensación de que camiñan cara a iso, sobre todo visto como Podemos Galicia se posiciona en relación a ese debate. Falan de refundar En Marea pero xa se refundou en 2016, cando se transformou en partido instrumental. Eu recoñezo que moitas achegas da organización se constrúen con militantes de Podemos, EU ou Anova, pero iso non significa que En Marea sexa unha coalición, senón que é a unión de persoas que a título individual construímos unha política propia e pensada para Galicia. Esa é a diferenza substancial e por iso a nosa cautela non está con eses inscritos que teñen a dobre militancia senón co intento dos seus partidos de suplantar o poder soberano que lles corresponde aos militantes. Iso foi o que se viviu o outro día no plenario: o ninguneo aos inscritos de En Marea por parte de quen tiña que estar rendendo contas alí, co silencio cómplice de todos os que estaban nese momento alentando esa dinámica de coalición. Pero a xente tomará boa nota diso.

Que ocorrerá coas candidaturas municipais que pediron concorrer baixo o paraugas de En Marea se cambia a dirección? Os críticos rexeitan esa fórmula...
As mareas municipais son espazos autooganizados e, sexa cal sexa a dirección de En Marea, teñen capacidade para decidir como se presentan. O único que fixemos foi darlles facilidades e ferramentas, porque sería imperdoable que a nova dirección non tivese a audancia de buscar fórmulas para que teñamos a representación nas deputacións que nos corresponden por votos. O contrario sería inexplicable, volver a 2015, onde perdemos máis da metade dos votos por non estar coaligados.

É certo que alentou a creación dunha marea alternativa en Ferrol?
É absolutamente falso e Ferrol en Común e o alcalde sábeno. Coñecen todas as xestións que fixemos a coordinadora e eu como voceiro para evitar que nacera esa segunda lista; xestións que quixen explicar no plenario cando me cortaron a palabra, porque a verdade é incómoda. Chegado o caso igual hai que explicalo todo ben.

Futuro
"En 2020, por ilusión e compromiso, véxome loitando a carón de moita xente para que Galicia sexa un país máis xusto"

Confía en que Xulio Ferreiro e Martiño Noriega repitan nas alcaldías?
Confío e agardo que si. Son candidaturas gañadoras cun traballo detrás que os refrenda como bos alcaldes e os dous saben que teñen o meu apoio incondicional.

Pero a súa relación enfriouse, non?
Sempre que teño ocasión procuro cultivar esa sintonía persoal e política que creo que nos esixen. Se non somos quen te tela non podemos esixirlle á cidadanía que confíe en nós. É torpe trasladar publicamente un desencontro.

Como deberían ir ás europeas?
No marco dunha coalición progresista a nivel estatal, pero entre iguais e non subordinados, co nome En Marea e con primarias.

De cerca. "Os motivos que me levaron a dicir si á política seguen intactos hoxe"

Lembra o día que vostede dixo "si" a entrar en política?
Claro que o lembro [ri].

E cantas veces se arepentiu xa?
Ningunha, porque os motivos que me levaron a dicir si seguen intactos hoxe.

Pero decepcionouno a política?
Hai aspectos que si. A nivel institucional decepcionoume a imposibilidade de combater argumentalmente nos debates, porque cando o PP non atopa argumentos practica o escapismo falando de Venezuela ou de cousas que nada teñen que ver. E na política orgánica decepcionoume o mesmo que o fai como cidadán: que a xente na que confiaba andivese con leas publicamente.

Conserva amizades no sector crítico de En Marea?
Si, por suposto.

E con quen ten boa relación do resto de partidos?
Desde a facultade teño boa relación con Pedro Puy, a quen respecto no persoal e no intelectual. Tamén con Ana Pontón, que fomos compañeiros nos CAF; con Noa Presas, que tiñamos amigos en común antes da política; con Mini, que cantaba con meu pai cando eu estaba no instituto; ou con Patricia Vilán, coa que tamén compartín traballos antes da política. Con todos eles teño boa relación e agardo conservala despois deste paso pola política.

Como sendo tan amable e correcto no trato se volve tan agresivo nos debates con Feijóo?
Un debe ter distintos rexistros e hai situacións que merecen un máis grave, como cando no debate da autonomía denunciei recurtes na sanidade que custaron unha vida. Téñome por dialogante e conciliador, non son de estar enfadado todo o día, pero ás veces hai que usar outro rexistro.

Cre que se ten pasado de freada?
A inexperiencia provoca que ao principio un ao mellor non saiba medir ben e son consciente de que hai expresións máis afortunadas que outras. Hai cousas que fun aprendendo nestes dous anos.

Onde se ve en 2020: como candidato á Xunta ou non TSXG?
Por ilusión e compromiso, como candidato, porque os motivos que me levaron a involucrarme neste proxecto permanencen intactos.

Comentarios