As manchas vermellas vistas no mar son "un fenómeno natural" sen efectos negativos 

Segundo explica a Consellería de Mar, a marea vermella está causada polo aumento de poboación dun organismo microscópico que non causa danos 
Aspecto da praia de Nanín este domingo. CONCELLO DE SANXENXO
photo_camera Aspecto da praia de Nanín este domingo. CONCELLO DE SANXENXO

A Consellería do Mar informou este luns de que as manchas de cor vermella que apareceron nos últimos días en distintos puntos da costa galega son "un fenómeno natural" que se produce con certa periodicidade como consecuencia dun organismo microscópico, que non ten efectos negativos nin nas persoas nin nos recursos mariños. 

A poboación deste organismo, apunta a Xunta, aumenta "de xeito considerable cando se producen floraciones por unha elevada dispoñibilidade de nutrintes nunha zona mariña", o que favorece a multiplicación rápida de microorganismos como o fitoplancto ou as 'noctilucas', ao ter á súa disposición alimento en abundancia. 

Estes fenómenos "adoitan darse en augas mornas", polo que en Galicia son máis frecuentes no verán, e provocan a formación de mareas de cor alaranxada, aspecto denso e luminosidade nocturna, ao acumularse na superficie. 

O Goberno galego subliña que a súa presenza non causa danos ás persoas nin aos recursos mariños, polo que lanzou unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía. 

O Instituto Tecnolóxico para o Control do medio Mariño de Galicia (Intecmar) analizou a semana pasada distintas mostras tomadas tras a súa aparición en varios puntos do litoral da comunidade e está a facer un seguimento da súa extensión a outras zonas da costa. 

Comentarios