En Marea adianta as súas eleccións e terá nova dirección en decembro

Cúmprese co obxectivo da Mesa da Confluencia, impulsada desde Compostela Aberta, que buscaba que este proceso interno non interferise no proceso electoral de cara ás municipais

O Consello das Mareas aprobou este venres o proceso e o calendario para comezar coa renovación da súa dirección, que se iniciará coa celebración do plenario o 27 de outubro.

Unha cita á que seguirá o proceso de votación para a elección do novo Consello que se elixirá entre o 19 e 25 de novembro, de forma que en decembro En Marea terá unha nova cúpula, segundo anunciou o portavoz da formación, Luís Villares.

Deste xeito, cúmprese co obxectivo da Mesa da Confluencia, impulsada desde Compostela Aberta, que buscaba que este proceso interno non interferise no proceso electoral de cara ás municipais de 2019.

Este acordo foi tomado por unanimidade entre o sector oficial e o crítico, a pesar de que, desde o sector contrario á actual dirección, Gladys Afonso insistiu en que debe darse un proceso con "transparencia" que permita a representación de todas as partes que conforman o espazo coa fin de que "reine o consenso" na formación.

Segundo expuxo Villares tras a reunión deste órgano, todos saen "moi satisfeitos" podendo conxugar os desexos de todas as partes, axilizando os tempos pero dando "a palabra aos inscritos".

Coa solución adoptada obedécese á petición de afastar este proceso dos comicios municipais de 2019 e, "ao mesmo tempo danse garantías de participación e de decisión", dixo igualmente.

"Garántese que os inscritos teñan a última palabra do que pasa no espazo político", destacou ademais o portavoz de En Marea.

Así mesmo, o histórico político nacionalista Xosé Manuel Beiras puxo en valor a "aposta" da Mesa da Confluencia polo "diálogo", que é necesario e que, en ningún caso, debe ligarse cunha intención do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de liderar En Marea posto que, ao seu xuízo, "Martiño non ten ambición" diso.

Para Beiras, a iniciativa de diálogo impulsada desde o equipo de Noriega foi a acertada para buscar solucións á situación que vive En Marea, dado que "hai que recoñecer que hai un problema e logo abrir un diálogo para solucionalo", defendeu.

Admitindo esta situación, o veterano político non pretende "entrar en ningún tipo de polémica" senón iniciar unha reflexión que leve ao cabo deixando ao carón "todo tipo de suspicacias" en canto a personalismos porque o problema existente non é nin Martiño Noriega nin Luís Villares, explicou.

"O problema tampouco é con Villares, que centellas é isto?", remarcou o político tentando evitar que o debate se centre en cuestións de nomes.

"A Mesa da Confluencia non foi un capricho de Martiño Noriega" senón que se impulsou desde Compostela Aberta para conseguir reflotar o espírito de unidade popular, e "o que se xoga aquí non é Martiño Noriega, que xa bastante ten con estar sometido ao sistemático bombardeo mediático", lamentou.

Comentarios