Os Moróns desvincúlanse do tiroteo e cargan contra a alcaldesa do Porriño

No seu comunicado, a Sociedade Xitana de Galicia di "xa abonda" e pide que se lles deixe "vivir en paz e tranquilos"

Concentración dos Moróns en Vigo. SOCIEDADE XITANA ESPAÑOLA
photo_camera Concentración dos Moróns en Vigo. SOCIEDADE XITANA ESPAÑOLA

O clan dos Moróns desvincúlase do tiroteo no Porriño no que resultaron feridos dous mozos e arremete contra a alcaldesa desta localidade, Eva García de la Torre, á que acusa de fomentar o enfrontamento entre estes e os xitanos Zamoranos.

Nun comunicado, a Sociedade Xitana de Galicia quéixase dos "abusivos comentarios" e das "acusacións desproporcionadas" aos Moróns sobre "unha serie de delitos que nada teñen que ver cos feitos".

Esta sociedade convocou este luns unha concentración de protesta ante o cemiterio de Pereiró, en Vigo, ao que acudiron varias decenas de persoas, despois de que pola mañá a corporación do Porriño en pleno e veciños mostrasen o seu apoio aos xitanos Zamoranos

No seu comunicado, a Sociedade Xitana de Galicia di "xa abonda" e pide que se lles deixe "vivir en paz e tranquilos", tras ser identificado como presunto autor do tiroteo deste domingo un irmán de Sinaí Giménez, Juan Paulo.

Acusan á alcaldesa do Porriño de emprender unha "campaña mediática" en contra dos Moróns, de propiciar o enfrontamento entre familias xitanas e de "presionar" aos Zamoranos para que lesen un comunicado con ameazas de retirarlles "axudas" e "empregos" municipais.

Os Moróns, que piden que non os sometan a xuízos "paralelos", sinalan que os Zamoranos son "boa xente" e recalcan que entre ambas as familias hai unha boa relación e que calquera malentendido o solucionaron coa intervención dos "consellos de anciáns".

Comentarios