Morre en Lalín tras esperar 36 minutos por unha ambulancia desprazada desde Chantada

O falecido atopábase a cinco quilómetros do centro de saúde, pero os dous vehículos do 061 da zona estaban en Santiago 
PAC de Lalín. GOOGLE MAPS
photo_camera PAC de Lalín. GOOGLE MAPS

Un home de 74 anos faleceu na noite de luns por complicacións nas patoloxías cardiorrespitarias que padecía. Fíxoo no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Lalín, ao que foi trasladado por unha ambulancia desprazada desde Chantada, a 40 quilómetros de Catasós, a parroquia lalinense na que residía e á que tardou 36 minutos en chegar a dotación de Urxencias Sanitarias 061. 

Segundo confirmou a Europa Press fontes de Urxencias Sanitarias 061, a central de coordinación recibiu unha chamada ás 21.09 horas do pasado luns na que solicitaban medios para atender un home na parroquia de Catasós, a 5 quilómetros do centro de saúde de Lalín. 

O paciente estaba afectado de varias "patoloxías" e presentaba un empeoramento da súa situación nas últimas semanas "de forma progresiva". 

No momento da chamada, que se produciu cando xa non estaba en funcionamento o vehículo de apoio do 061 para a zona, as dúas ambulancias que prestan servizo na comarca –unha con base en Lalín e a outra en Silleda– atopábanse trasladando a pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), polo que a central das urxencias mobilizou unha ambulancia de soporte vital básico de Chantada por ser a máis próxima. 

A ambulancia chegou ao domicilio do falecido 36 minutos despois de recibir o aviso, como recoñece Urxencias Sanitarias 061, que apunta que, desde o momento da chamada, un médico coordinador especialista en urxencias atendeu o paciente. 

Segundo o 061, ás 21.16 horas, infórmase desde a chamada de que o estado do paciente empeorou, polo que pasa a considerarse unha situación de urxencia sanitaria. A ambulancia chegou ao lugar ás 21.35 horas e procedeu ao traslado do paciente ao PAC de Lalín, onde faleceu ao fío das 22.00 horas por complicacións no seu cadro. 

O Sergas asegura que o paciente foi atendido por un equipo completo de médico e persoal de enfermería na PAC de Lalín, que, na noite do luns, contaba cunha "dotación completa" de persoal, composta de dous médicos, dous enfermeiros e un traballador de servizos xerais. 

Comentarios