domingo. 28.02.2021 |
El tiempo
domingo. 28.02.2021
El tiempo

Morre un operario de 29 anos ao caerlle enriba un camión nun taller de Cambre

Ambulancia do 061. ARQUIVO
Ambulancia do 061. ARQUIVO
Outros dous traballadores resultan feridos en Leiro e A Fonsagrada e son trasladados a centros hospitalarios 

Un mozo de 29 anos que traballaba nun taller mecánico de Cambre morreu na mañá deste venres ao caerlle enriba un camión. 

Os feitos, segundo informa o 112, ocorreron no lugar da Telva uns minutos antes das 11.00 horas. Nese momento, unha persoa particular alertaba do sucedido á central de emerxencias. 

Seguidamente, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou ao momento unha ambulancia de soporte vital avanzado. 

No entanto, sinalan fontes deste servizo a Europa Press, o persoal médico non puido facer nada pola vida do novo e tan só puido confirmar o seu falecemento. 

Ademais, o 112 puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local de Cambre e de Protección Civil.

LEIRO. Por outra banda, un operario resultou ferido de consideración en Leiro (Ourense) ao recibir o golpe dun pau no peito mentres traballaba no monte. 

Ocorreu preto do encoro de Alvarellos sobre as 10,20 horas. Foi un particular quen contactou co 112 para dar conta do suceso e acto seguido deuse o aviso ao 061, á Garda Civil, a Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e ao GES de Ribadavia. 

Debido á gravidade das feridas do traballador, Urxencias Sanitarias-061 mobilizou un helicóptero medicalizado até a zona do accidente, aínda que finalmente o operario foi evacuado nun todoterreo ao Hospital de Ourense.

A FONSAGRADA. Ademais, outro operario resultou ferido ao caerlle unha árbore mentres traballaba nunha leira da Fonsagrada. En concreto, ocorreu no lugar da Pruída do Bono, na parroquia da Trapa. 

Uns minutos antes das 10.10 horas, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para alertar do suceso. 

Seguidamente, o servizo de emerxencias solicitou a intervención do 061, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, da Policía Local e da Garda Civil. O operario foi trasladado ao Hospital de Lugo. 

Morre un operario de 29 anos ao caerlle enriba un camión nun taller...