Un veterinario que realizaba tarefas de saneamento gandeiro nunha explotación das Nogais faleceu na mañá deste xoves tras ser golpeado na cabeza por unha vaca. O falecido, de 43 anos e iniciais J.D.R., era veciño da capital lucense e atopábase nunha granxa de Chan de Vilar, na parroquia de Nullán. Ao parecer, el mesmo pediu axuda tras o contratempo que acabou por custarlle a vida.
Tras recibir o aviso, sobre as dez da mañá, o 112 mobilizou a axentes da Garda Civil, efectivos do GES de Becerreá, unha ambulancia do 061 e un helicóptero para a súa rápida evacuación. A pesar dos intentos de reanimación, os sanitarios non puideron evitar o fatal desenlace.