Os mortos por Covid-19 en Galicia soben a 607 tras o falecemento dun octoxenario

A defunción rexistrouse no Hospital A Rosaleda, en Santiago
Entrada do Hospital A Rosaleda, en Santiago de Compostela. GSV
photo_camera Entrada do Hospital A Rosaleda, en Santiago de Compostela. GSV

As mortes en Galicia con coronavirus eleváronse a 607 tras falecer este domingo un home de 88 anos que permanecía ingresado no Hospital A Rosaleda, en Santiago de Compostela. Segundo informan fontes sanitarias, tiña patoloxías previas.

Tras esta última vítima notificada, o número de mortes rexistradas en atención hospitalaria sobe a 475: 126 na área sanitaria da Coruña, 101 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 85 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas deles en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra.

A estas defuncións hai que sumar as 132 rexistradas ata o de agora dentro das residencias de maiores, aínda que este domingo e por décimo día consecutivo, non se comunicaron falecementos de persoas con Covid-19 nas residencias.

En todo caso, hai que ter en conta que, dos falecidos en atención hospitalaria, hai 138 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais (e que morreron en hospitais ou en residencias integradas). A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 270, o que supón en torno ao 45% do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.

FALECIDOS EN RESIDENCIAS. Desde que se iniciou a pandemia, morreron 22 usuarios no interior da residencia DomusVi de San Lázaro, 21 na nosa Señora da Esperanza (Ourense), outros 20 na DomusVi de Cangas, doce na residencia DomusVi de Barreiro(Vigo), nove no Portazgo (A Coruña), oito en DomusVi Matogrande, oito en Remanso Claudina-Somoza, e sete en Santa Teresa Jornet.

Así mesmo, informouse da morte de cinco usuarios na residencia de Moledo (Vigo), e tres en As Fragas de Pontedeume, os mesmos que en San Pedro de Crecente, en DomusVi Concepción Arenal (A Coruña) e na residencia Divino Mestre de Ourense.

Finalmente, nas residencias Fogar Bellolar, Castro Caldelas, Caser A Zapateira (Culleredo), San Carlos de Celanova, residencia de Foz, A nosa Señora de Fátima (Barco de Valdeorras), San José de Ourense e Fundación José Otero de Santiago, notificouse unha morte en cada unha delas.