Unha motorista recupera case 1.200 euros que voaron cando levaba o bolso aberto

Dúas veciñas lograron xuntar 850 e 160 euros, respectivamente
García Barbón. GOOGLE MAPS
photo_camera García Barbón. GOOGLE MAPS

Unha motorista que circulaba o pasado sábado pola rúa García Barbón levou un forte desgusto ao comprobar que perdera un sobre que contiña 1.200 euros durante o traxecto ata o banco, onde ía ingresar o diñeiro. Ao parecer, a moza levaba o bolso entreaberto e os billetes –de 10, 20 e 50 euros– voaron sen que a condutora se dese conta.

Tras buscar o sobre por todas partes, Loly, a protagonista da historia, chamou á Policía Local para denunciar o sucedido. Para a súa sorpresa, outra veciña de Vigo xa acudira á comisaria para entregar 850 euros que puido ir recollendo tras ser testemuña de como os billetes saíran voando do seu bolso.

Na comisaría xa estaban a esperar a súa chamada, segundo explicou Loly este luns en Radio Galega. "¿É vostede a motorista?", preguntáronlle.

A súa fortuna non acabou aí. E é que, ao día seguinte, Loly recibiu unha chamada da Policía Nacional comunicándolle que outra muller atopara 160 euros.

Aínda que non recuperou todo o diñeiro, a motorista atópase moi agradecida pola solidariedade mostrada por estas dúas mulleres. 

Comentarios