lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Galicia sofre a primeira vaga de lumes do verán con máis de 500 hectáreas arrasadas

Incendio en Monforte. EP
Incendio en Monforte. EP
Os incendios de Monforte e Porto do Son permanecen activos 

Máis de 500 hectáreas arrasadas é o balance oficial dunha xornada marcada en Galicia, unha vez máis, polos incendios forestais, que, favorecidos pola situación climática, afectaron en maior ou menor medida ao longo deste xoves ao catro provincias, con multitude de focos dos que dous, en Monforte de Lemos e Porto do Son, continúan activos. 

A Comunidade amencera este xoves coa práctica totalidade do seu territorio en risco extremo de incendios forestais, favorecido polas temperaturas, o estado da masa forestal, o terreo seco e, sobre todo, os fortes refachos de vento, que en áreas como O Barbanza aproximáronse aos 100 quilómetros por hora e alentaron as chamas á vez que dificultaban os labores de extinción. 

O balance oficial da Consellería de Medio Rural fala, a última hora da tarde, de máis de 500 hectáreas afectadas polo lume en catro incendios de importantes dimensións que, ao longo do día, afectaron á Comunidade. 

Deles, dous permanecen activos, un en Porto do Son, que queimou xa unhas 84 hectáreas, e outro, o máis virulento, en Monforte, que en só unhas horas alcanzou as 350 hectáreas. Os últimos indicios permiten, no entanto, algo de optimismo en relación á súa evolución.

MONFORTE, O MAIOR INCENDIO DO VERÁN. O que por agora se converteu no maior incendio do verán en Galicia iniciouse ás 13,22 horas deste xoves na parroquia de Seoane do municipio lucense de Monforte de Lemos. 

Alentado polo vento, as informacións de Medio Rural apuntaron a que, en só unhas horas, alcanzaba unha superficie afectada dunhas 350 hectáreas, pasando tamén ata o municipio veciño de Pantón. 

A voracidade das chamas, e a súa proximidade a núcleos de poboación, causou unha importante alarma na zona. De feito, e por precaución, durante a tarde tomouse a decisión de evacuar aos veciños da parroquia de San Cibrao da Vide, de Monforte, e do lugar de Mañente, en Pantón, tal e como confirmaron a Europa Press o alcalde de Monforte, José Tomé, e de Pantón, José Luís Álvarez. 

A maiores, o fume dificultou a circulación en distintas vías da zona, como o corredor que comunica Monforte con Lalín ou a estrada N-120, nas que se situaron patrullas da Garda Civil. 

No control deste lume traballan, segundo informou a Xunta, dous técnicos, cinco axentes, 22 brigadas, 12 motobombas, dúas pas, 13 helicópteros e catro avións. A relevancia do incendio levou á mobilización de 14 medios aéreos e tres brigadas de especialistas en extinción do Ministerio de Agricultura.

LUME ACTIVO EN PORTO DO SON. Tamén a península do Barbanza, na Coruña, viviu este xoves unha xornada negra de incendios forestais, con numerosos focos. A última hora, indicou Medio Rural, só quedaba activo alí o lume que desde as 6,15 horas da madrugada afecta a Porto do Son. 

O incendio, que comezou na parroquia de Miñortos, queimou xa unhas 84 hectáreas e na súa estabilización e control traballan 12 axentes, 26 brigadas, 18 motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e cinco avións, efectivos do Ministerio de Agricultura e da Unidade Militar de Emerxencias. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, desprazouse na mañá deste xoves até Porto do Son para comprobar a evolución dos labores, mentres que pola tarde acudiu até Monforte para interesarse polo operativo.

LUMES EN OURENSE. Na provincia de Ourense, que xa resultou afectada o lume este mércores, tamén se rexistraron dous incendios de importancia, un deles en Lobeira, que permanece estabilizado e contra o cal combaten medios do ministerio, e outro en Cenlle, xa controlado. 

No caso de Lobeira, o lume comezou ás 7.50 horas na parroquia de San Xes de Vilariño e quedou estabilizado ao redor das 13.03 horas. Segundo os últimos datos, afectou a 50 hectáreas situadas dentro do Parque Natural Serra do Xurés. 

Na zona traballan un técnico, sete axentes, 19 brigadas, sete motobombas, dúas pas, cinco avións e seis helicópteros. 

Por outra banda, o lume que desde o mércores afectaba á parroquia de Barca de Barbantes, en Cenlle, quedou controlado ao redor das 19,00 horas, tras calcinar unhas 40 hectáreas. A Xunta informou de que neste lume traballan dous técnicos, nove axentes, 32 brigadas, 18 motobombas, unha pa, seis helicópteros e sete avións. 

Finalmente, aínda que a provincia de Pontevedra non resultou tan afectada o lume, os incendios forestais si causaron problemas de circulación. En concreto, un pequeno incendio declarado no Porriño na tarde do xoves causou retencións e problemas de tráfico na autovía A-55 ao seu paso por esta localidade, dado que o fume dificultaba a visión e foi necesario pechar un carril. 

Aínda que fontes dos municipios e da Xunta apuntan a que a evolución dos lumes aínda activos mellorou, a chegada da noite e a imposibilidade de empregar medios aéreos marcarán as próximas horas. 

Galicia sofre a primeira vaga de lumes do verán con máis de 500...