Unha muller embarazada resulta ferida nun accidente de tráfico en Cambre

Os servizos de urxencia asisten a un neno de cinco anos tras ser atropelado en Pontevedra

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon en Cambre a unha muller embarazada que resultou ferida nun accidente de tráfico no que se viron implicados dous turismos. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada ao Hospital Materno.

O accidente, unha colisión por alcance, sucedeu na N-550, no punto quilométrico 11,500. Unha persoa particular indicaba no seu relato que os coches accidentados interrompían a circulación na saída da A-6, na Rocha.

Enseguida, os profesionais do Ciae 112 Galicia pasaban o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros de Arteixo.

PONTEVEDRA. Por outro lado, os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias prestaron asistencia a un neno de cinco anos tras ser atropelado en Pontevedra. 

Os feitos ocorreron este martes na rúa Médico Ballina, á altura do número 15, ao fío das 14.30 horas. Nese momento, o persoal sanitario alertaba do ocorrido ao 112 Galicia.

A partir de aí, desde o Ciae 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Local, dos Bombeiros de Pontevedra e de Protección Civil.