Detida a exparella da muller ferida en Cuntis durante un asalto á súa vivenda

O home entrou de madrugada nunha vivenda do lugar de Belai, onde durmían a vítima e dúas fillas menores

Vivenda asaltada en Cuntis. TVG
photo_camera Vivenda asaltada en Cuntis. TVG

Axentes da Garda Civil detiveron na tarde do mércores ao home que presuntamente de madrugada asaltou a vivenda na que vive a súa ex muller no lugar de Belai pertencente á parroquia cuntiense de San Mamede de Piñeiro.

Segundo relataron varios veciños á Televisión de Galicia, a vítima atopábase durmindo no interior do seu domicilio en compañía das súas dúas fillas menores. Foi entón, segundo apunta o testemuño veciñal, cando un home, coa cara cuberta e armado cun martelo, entrou na casa a través dunha xanela, evitando as cámaras de seguridade do inmoble.

Ao darse conta da súa presenza, a muller tentou escapar tirándose por unha xanela e rompeu os dous nocellos, polo que foi trasladada ao Hospital de Montecelo.

A vítima denunciara ante a Garda Civil con anterioridade distintas ameazas da súa ex parella, tanto de forma persoal como por teléfono. 

Os servizos sociais de Cuntis, segundo os investigadores, xa tiñan constancia de incidentes previos e de que a muller se sentía ameazada pola súa ex parella, coa que, ao parecer, tiña desavinzas pola vivenda na que reside.

A Garda Civil trata agora de aclarar se el foi o asaltante da vivenda ou se foi unha terceira persoa a que irrompeu no fogar da vítima.

Comentarios