Domingo. 24.06.2018 |
El tiempo
Domingo. 24.06.2018
El tiempo

Unha muller e o seu neto, na rúa tras denunciar o seu fillo por malos tratos

A comisaría da Policía Nacional na que se efectuou a denuncia. ALBA SOTELO (ARQUIVO)
A comisaría da Policía Nacional na que se efectuou a denuncia. ALBA SOTELO (ARQUIVO)

A avoa faise cargo do mozo, cunha discapacidade do 67%, e a súa noiva embarazada

"Se unha persoa comete un delito, é detida, métena nunha cela e esa noite cea quente. Á miña avoa e ao meu primo non lles deron nin iso". Con esta queixa denuncia unha moza a situación dos seus familiares, que se quedaron na rúa tras denunciar o home co que convivían por malos tratos.

O pasado domingo pola mañá, María (nome falso) denunciou o seu fillo por malos tratos ante a Policía Nacional. Na denuncia, acompañada por un parte médico, a muller refírese a unha puñada e unha escordadura no pulso derivado da agresión. Na casa de Lourizán que María comparte co seu fillo —ao que denunciou— vive tamén o seu neto (e sobriño do denunciado), José (nome falso), cunha discapacidade do 67%, e a súa noiva, embarazada de cinco meses.

Segundo explica a denunciante, o seu fillo botouna de casa e a súa neta maior tivo que ir recollela despois dun tempo baixo a choiva a noite do sábado. Durmiron en casa da súa neta e ao día seguinte puxeron a denuncia.

O problema agora é que María, o seu neto e a noiva deste non teñen onde ir. A casa que compartían xunto ao presunto agresor estaba alugada ao seu nome, polo que non son donos de nada. María acusa o seu fillo de retirarlle todo o diñeiro da conta (segundo a muller, el manexaba as tarxetas e o caderno do banco) e, ata que non cobre a próxima pensión, a súa conta está baleira.

A súa neta denunciou a situación ante os servizos sociais do Concello e ante a Policía Nacional, pero, polo momento, tanto a muller como o seu neto e a parella deste tiveron que pasar estas noites nunha casa sen subministración de luz nin auga e nunhas condicións pésimas que pertence a un familiar con problemas de adicción ás drogas. "Non entendo como poden deixar á miña avoa nesa situación, ten 70 anos e os primeiros días estivo sen medicación e en zapatillas, co posto", explica a moza.

Este xoves teñen cita cunha asistente social do Concello para buscar unha solución ao problema. Con todo, a moza denuncia o trato que recibiron os seus familiares tras un episodio que, segundo indica, repetiuse en máis ocasións. "Chamei varias veces a servizos sociais para que fixesen algo e dinme que se non reciben un parte da Policía Nacional eles non poden facer nada; cando chamo á Policía dinme que eles non teñen que enviar nada. Estou feita unha lea e, mentres, a miña avoa non ten onde durmir", explica a muller, que vive en casa dos seus sogros e non ten recursos económicos para axudalos.

O de María e José é un exemplo de desamparo que a neta e curmá de ambos, respectivamente, describe como un caso de "violencia económica, física e psíquica" continuada. "Estes días tiven que facerlles a compra para que puidesen comer e agora veño dunha ONG que me doou algo de roupa e comida", explica. Se queren acceder aos seus efectos persoais teñen que volver á casa que compartían co suposto agresor, pero aseguran que teñen pánico.

"Eu creo que a miña avoa ten algo parecido á síndrome de Estocolmo, aguanta todos eses malos tratos porque é o seu fillo, pero merece vivir tranquila", explica. Con todo, a familia ten por diante 19 días de desamparo ata poder cobrar a pensión de 800 euros que recibe cada mes María, a non ser que alguén actúe para axudalos a saír desta situación de emerxencia. Se ninguén lles ofrece outra solución, terán que aguantar un mes nunha casa sen as condicións mínimas de salubridade ata poder alugar outra vivenda. "Xa falou cunha señora disposta a alugarlle un piso cando cobre", conta a neta. De momento, teñen 50 euros que lles adiantou o banco.

Unha muller e o seu neto, na rúa tras denunciar o seu fillo por...