As mulleres debuxan os retos do futuro para Galicia

Donas de distintos ámbitos amosan no día grande da comunidade as súas esperanzas e preocupacións para o futuro ► O problema demográfico, a necesidade de protexer a lingua e a defensa da igualdade acaparan o discurso das protgonistas

A estas alturas do século XXI, todos os días deberían ser 8 de marzo. Especialmente, o día grande de Galicia. Neste ano, en que a voz das mulleres leva resoando con máis forza, cómpre convocar a varias galegas destacadas nos seus respectivos ámbitos para falar no 25 de xullo sobre o que ven e o que esperan de Galicia.

O problema demográfico co alarmante descenso da natalidade, a defensa da lingua como elemento identitario, a loita pola igualdade e o auxe do feminismo son cuestións inherentes no discurso destas protagonistas nunha efeméride na que moitas das reivindicacións do presente agardan un futuro máis esperanzador, aínda que non exento de incertidumes.

A cultura, o deporte, o activismo ou a política son os sectores dos que parten as protagonistas desta reportaxe. As súas visións do presente e do futuro de Galicia teñen moitos puntos en común e tamén algunhas discrepancias. Pero todas coinciden en que o talento, a creatividade dos galegos e galegas e a sabiduría meditada implícita no seu ADN poden revertir moitas das actuais dificultades, sempre que se manifesten esas "ganas de cambiar". Como ben resumen Beatriz Hernánz ou Emma Lustres, "o mellor de Galicia son os galegos". E que mellor para reivindicalo que facelo no día que lles representa.

Beatriz Hernanz. TWITTER

Beatriz Hernanz Angulo
Directora do Instituto Cervantes de Palermo

"Mirar con ollos galegos o mundo é unha forma de tomar decisións, porque son uns ollos que meditan as cousas"

Lonxe de Galicia, concretamente desde Palermo, onde exerce de directora do Instituto Cervantes da capital siciliana, a pontevedresa Beatriz Hernanz cita como o principal punto débil da Comunidade o problema da natalidade, "aínda que é un problema en España e en Europa", mentres que nas súas fortalezas destaca o papel que a muller galega desenvolveu ao longo da historia nunha sociedade que ela sigue considerando de tradición matriarcal. "A estrutura matriarcal ao mellor non é tan aparente como antes, pero creo que as mulleres teñen agora un papel con máis visibilidade, porque estamos nun momento de reivindicación da muller –sinala–. Son máis escoitadas, pero creo que máis que nunca Galicia ten que facer visible ese matriarcado que sempre existiu. E temos que pasar dese matriarcado a un feminismo que eu entendo no senso e ir man a man cos homes en termos de igualdade".

Herranz: "Galicia ten que pasar da súa tradición matriarcal a un feminismo en termos de igualdade de xénero"

Reivindica unha maior implicación de administracións e empresas "para acadar unha igualdade na que a muller poida compaxinar perfectamente o que é o desenvolvemento profesional coa familia". "Iso permitirá que, como noutras sociedades, poida revertirse a situación cara a unha natalidade adecuada, sempre elixida pola muller". E plantexa a metáfora de Galicia como unha casa "na que a muller non ten que cargar todo o peso do tellado, senón que ten que estar equilibrado, porque se non, esa casa non se sostén". "É fundamental –engade neste senso– a pedagoxía para que a xente vexa que a figura da muller sempre foi un pilar fundamental na cultura galega e ten que seguir séndoo, pero ese pilar tamén son os homes". Para Hernanz, tamén é hora de pór en valor a sabiduría herdada culturalmente polos galegos e as galegas para tomar decisións: "Mirar con ollos galegos o mundo é unha forma de tomar decisións, porque son uns ollos que meditan as cousas".

Ledicia Costas. EP

Ledicia Costas
Escritora

"Hay problemas que non se están atallando, como é a fuga de talentos que se produciu desde o inicio da crise"

A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, cita dous factores como esenciais no futuro de Galicia. Dun lado, o feminismo, "e creo que é positivo que estén saíndo mulleres con conciencia feminista a fronte de diversas organizacións políticas e algunhas delas xa presidindo institucións que teñen claro que o modelo social ten que ser un modelo en igualdade". E doutro, a lingua galega. "Para min –di– o natural debería ser falar o galego. E aí falta perspectiva crítica. É algo que se está a facer moi mal. Estamos a renunciar ao noso maior símbolo identitario. Entón, creo que para crear un futuro e falar dunha Galicia moderna, a Comunidade non debe perder nin o tren do feminismo, porque a día de hoxe non pensar con conciencia feminista é non estar no mundo, nin a defensa da lingua, que é o que nos define, nos diferenza co resto do mundo como país". Por outra banda, engade que "non se están atallando outros problemas como por exemplo o envellecemento do país, que é algo gravísimo, ou tampouco a fuga de talentos que se produciu desde que se iniciou a crise ata o día de hoxe". "Creo que deberiamos procurar, e iso correspóndelle á administración, que eses talentos volvan, porque é o que nos proporciona riqueza a todos os niveis". E outro dos puntos negros é o das comunicacións: "Non é normal que no tren de Vigo a Ourense tardes a vida". Pero a súa mensaxe é de optimismo. "Hai talento dabondo para buscar o xeito de artellar as cousas. Primeiro, hai que ser conscientes das eivas, pero como somos un país con tantísimo potencial e o temos demostrado ao longo das décadas creo que imos ter a capacidade para darlle unha volta e afrontar isto".

Costas: "Galicia non debe perder nin o tren do feminismo nin a defensa da lingua, que é o que nos define"

María Xosé Queizán.EP

María Xosé Queizán
Escritora e feminista

"A nosa democracia é unha falsedade, porque aínda non existe igualdade entre as mulleres e os homes"

A autora e histórica feminista galega teno claro: Neste intre, "o movemento feminista é o movemento máis importante que ten Galicia". E pode cambiar absolutamente todo. Tamén considera que aínda no século XXI, "a nosa democracia é unha falsedade, porque non hai igualdade entre as mulleres e os homes. É unha evidencia. Polo tanto, para ter unha Galicia, unha España ou unha Europa democráticas as mulleres teñen que ter igualdade cos homes. E, por outro lado, teñen que ter liberdade, que tampouco a teñen. E non pertencemos aos estamentos máis importantes da sociedade. Non estamos nos consellos de administración, nos bancos nin ningures onde se manexen os cartos. E mentres non recuperemos ese empoderamento que é ter poder na sociedade, non haberá igualdade". Insiste en que as mulleres "somentes temos traballo, pero non os recursos que producen ese traballo".

"Por exemplo, no caso das amas de casa hai que dicir que este traballo privado das mulleres é un 56% do PIB e é superior ao que pode ter a industria. É dicir, as mulleres estamos mantendo ao Estado, pero non significamos nada e non temos dereito sobre os recursos que conseguimos. Mentres non desapareza esta anomalía que é un sistema público onde se fai todo e un sistema privado onde só hai mulleres que traballan e non deciden nada, o demais é ridículo e absurdo".

Queizán: "Penso que o feminismo é o movemento máis importnte que ten Galicia neste momento"

Deste avance das mulleres dependen, segundo Queizán, todos os demais retos que se plantexan en Galicia, o máis evidente o demográfico. "En Galicia hai un problema que é que as mulleres non queren parir, porque xa ven que se se cargan de fillos non poden traballar e elas queren ter unha independencia persoal", advirte.

Teresa Portela.EP

Teresa Portela
Piragüista

"A educación é fundamental para a igualdade e espero que co bó fcer de educadores e pais todo vaia mellorando"

Hai 27 anos que se montou por vez primeira nunha piragua e, desde entón, Teresa Portela acumula o palmarés máis extenso do piragüismo feminino galego con 32 metais en Mundiais e Europeos e 5 diplomas olímpicos. A deportista destaca o "gran potencial" de Galicia en sectores como o turismo, a gastronomía e a súa privilexiada paisaxe, o que, "xunto co talento", marca as condicións dos "bos resultados" optidos no piragüismo e noutras disciplinas polos deportistas, aínda que cre que é necesaria a mellora das instalacións náuticas. Recoñece que nunca sentiu discriminación, é consciente de que "hai disciplinas nas que non hai a mesma repercusión entre o deporte practicado por homes que por mulleres" e reivindica máis educación para atallar as situacións de desigualdade e tamén a conciliación. "Galicia ten unha poboación envellecida e o problema da baixa natalidade está nas dificultades para conciliar –di–. É moi complicado, e eu teño sorte de poder facelo. Hoxe, as mulleres podemos desenvolvernos profesionalmente e é necesario que se faciliten as condicións. E penso que a educación é fundamental para avanzar en igualdade,e espero que co bo facer de pais e educadores todo vaia mellorando".

Portela: "Galicia ten un enorme potencial e moitísimo talento, e no deporte se asocia a bos resultados"

Hai quince anos que Emma Lustres e Borja Pena aventuráronse a crear unha produtora de cine en Galicia "para facer películas que nos gostasen a nós e que nos sentísemos orgullosos delas como espectadores, e a vez, que fosen películas recoñecidas polo público". O seu obxectivo acadárono con creces e hoxe Vaca Films é produtora de referenza con éxitos como Celda 211 ou El desconocido.

Emma Lustres.TWITTER

Emma Lustres
Produtora de cine

"Son necesarias medidas e un plan de choque para que en 15 anos o problema demográfico galego non sexa insalvable"

Lustres recoñece que a ela lle custa "ver mal" Galicia porque é das que lle gusta ver "as cousas en verde, a miña cor favorita". Pero, ao mesmo tempo, pon o foco no seu sector para afirmar que "en España en xeral e en Galicia en particular, hai pouca visión respecto ao que é o cine e o audiovisual". "Apóianse de forma moi cicatera –engade–. Non hai unha implicación nin hai unha intención política de apoiar o sector. É un error grave (...) Vivimos nos anos 80 e 90 unha situación moi favorecedora por parte do Goberno de Galicia e levamos desde o 2009 unha situación moi desfavorable. O sector é menos competitivo agora a nivel estatal que no 2008. Houbo un retroceso importante nos investimentos da Xunta e a Tvg e iso provocou un empeoramento do sector, aínda que segue habendo empresas solventes". "O problema que temos na política en España –a xuízo da produtora– e en Galicia é que cando os políticos gobernan, gobernan para mañá e non para dentro dun mes. E hai determinadas políticas, como a audiovisual, nas que os froitos non os recibes hoxe, senón en catro ou cinco anos, e para eles iso é moito tempo".

Lustres: "O mellor que ten Galicia son os galegos, e o seu principal problema é a demografía"

Plans a medio e longo prazo son necesarios tamén, según Lustres, para atallar o que para ela é o principal problema ao que se enfronta Galicia no futuro, o demográfico. "Para min, Galicia é unha terra marabillosa que o mellor que ten é aos galegos. Cal creo que é o principal problema? Pois o demográfico. É un problema que vimos arrastrando hai moitos anos e non se lle pon remedio. Temos unha sociedade moi envellecida cun saldo de natalidade escalofriante e creo que se di, pero non se toman medidas. Creo que hai que facer un plan a medio e largo prazo para darlle a volta ao que está sucedendo. Habería que establecer un plan de medidas e de choque para que en Galicia dentro de quince ou vinte anos non tiñamos un problema que xa se pode converter en insalvable. Desde axudar ás familias que teñen dous ou tres fillos, a fomentar a conciliación e favorecer a igualdade entre a responsabilidade das nais e dos pais... E, por suposto, mellorar todo o sistema, porque... Como é posible que os colexios públicos só teñan clase de 9 a 2 da tarde? Como se concilia iso coa vida das familias?".

Comentarios