Os músicos da Banda Ferrolá de Música están sen cobrar desde maio

Esixen que o Concello recoñeza o traballo desempeñado cunha regularización da súa situación laboral
Imaxe empregada polo colectivo Banda Ferrolá en Loita. FACEBOOK
photo_camera Imaxe empregada polo colectivo Banda Ferrolá en Loita. FACEBOOK

O colectivo Banda Ferrolá en Loita, integrado por músicos da Banda Ferrolá de Música, manifesta nun comunicado a "precaria" situación na que se ven logo de levar sen cobrar desde o mes de maio.

O texto expón que os 40 músicos da banda, graduados superiores en Música, na súa maioría, e seleccionados por convocatoria pública do Concello de Ferrol, non dispoñen de contrato nin cobertura da seguridadade social nin "dereitos laborais de ningunha clase", senón que cobran unha mensualidade en concepto de "beca permanente". Así, os intérpretes que contan cunha antigüedade superior a 10 anos percibía "unha remuneración de entre 200 e 250 euros mensuais pola realización dunha tarefa profesional non recoñecida", afirma a misiva.

A banda municipal de Ferrol creouse en 2001 e os seus compoñentes traballan en condición de bolseiros desde entón. Por esta razón o comunicado especifica que o seu traballo e similar ao de "outras bandas profesionais de música municipais, dado que ensaian semanalmente e actuan e diversas datas sinaladas repartidas durante todo o ano e outras ocasións puntuais nas que o Concello o solicite, "concertos demandados con pouca antelación", matiza. Os músicos recordan ademais o servizo prestado a asociacións culturais e veciñais, tocando en aqueles eventos nos que soliciten a súa presenza.

Denuncia que sempre existiu certa falta de puntualidade nos pagos, unha "informalidade que se víu acentuada nos últimos anos", ata chegar á situación actual, cunha acumulación de cinco mensualidades sen cobrar. Ademais, sinala que con esta situación o  traballo dos músicos non se ve recoñecido "despois de moitos anos de estudo e dedicación", polo que piden "condicións de igualdade respecto ao resto dos traballadores" municipais.

Así, os músicos da Banda Ferrolá de Música recordan que o vindeiro 18 de novembro celebrarase un xuízo no Xulgado do Social de Ferrol pola laborización dos seus compoñentes, polo que considera que o seu futuro "é incerto".

Este colectivo manifesta así o seu "sentir unánime en defensa da música, dos seus intérpretes e do Patrimonio Cultural dunha Cidade que se debe protexer", dado que está "ao servizo da cidadanía e das súas entidades e asociacións", conclúe.