Miércoles. 20.06.2018 |
El tiempo
Miércoles. 20.06.2018
El tiempo

As negociacións retomaranse o venres tras un mes de folga na Xustiza

Manifetación de funcionarios de Xustiza, el pasado mes de febrero en Santiago. XOÁN REY (EFE)
Manifetación de funcionarios de Xustiza, el pasado mes de febrero en Santiago. XOÁN REY (EFE)

A secretaria xeral técnica de Vicepresidencia incorporarase á delegación negociadora do Goberno galego

O comité de folga e os representantes da Xunta volverán sentar finalmente o vindeiro venres para retomar as negociacións e tentar desbloquear un conflito que xa dura un mes e que paralizou xulgados e rexistros civís galegos. 

Fontes sindicais consultadas por Europa Press resaltan que os xuízos suspendidos desde o 7 de febreiro, data na que se iniciou o primeiro paro indefinido na xustiza galega desde que se transferiu a competencia, poderían roldar "os 12.000", aos que habería que sumar tamén milleiros de trámites xurídicos.

Nesta conxuntura, o Goberno galego, de acordo co avanzado no pleno da Cámara autonómica polo vicepresidente, Alfonso Rueda, convocou ao comité de folga. Ofrecía dúas datas posibles para o encontro, dados os paros e a folga feminista que están convocados para este xoves 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

O comité, no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., decidiu "pospor a reunión para o venres". O obxectivo, sinalan, é "non coincidir coa folga das mulleres con motivo do 8 de marzo. 

"Entendemos que o xoves debe ser para a folga das mulleres. Os traballadores da xustiza, que levamos un mes de folga non podemos sacar o protagonismo ás mobilizacións das mulleres", esgrimen os sindicatos. O encontro terá lugar ás 12,00 horas na Escola Galega de Administración Pública.

A SECRETARIA XERAL TÉCNICA. Para esta cita, o comité reclamara a presenza de Rueda, quen a condicionou a que suspendan o paro, unha esixencia que os sindicatos rexeitan. 

En todo caso, en atención ao reclamo de novos interlocutores, fontes da Xunta consultadas por Europa Press avanzaron que no próximo encontro sumarase á delegación do Goberno a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, Beatriz Cuíña. 

Nela está previsto que participen tamén, como nos encontros previos, os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e de Función Pública, José María Barreiro, do mesmo xeito que os subdirectores de ambos os departamentos. 

A Xunta, que ata hai uns días mantiña que a oferta económica era inamovible, móstrase agora, en cambio, disposta a abordar "todos" os temas.

AS PROPOSTAS. Ata agora, coas propostas que había sobre a mesa, Rueda defendeu que se accede "ao que querían os sindicatos" nas demandas relativas a consolidación de emprego, amortización de prazas e substitución de compañeiros de rango superior. 

En canto ás baixas por incapacidade temporal (IT) e a discriminación que denuncia o comité de folga polos descontos, a Administración comprometeuse a trasladar as condicións "máis vantaxosas" que se acorden en Madrid, para traballadores de xustiza e "o resto de empregados públicos galegos". 

Sobre a oferta económica, tradúcese nunha subida do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros ao ano (en función do corpo –auxilios, tramitadores ou xestores–) en dúas anualidades (2019 e 2020). A Xunta defende que este incremento situaría aos funcionarios galegos "por encima da media" do conxunto de comunidades. 

En fronte, os sindicatos discrepan de que haxa acordo nos puntos que sinala a Xunta, á que acusan de "manipular táboas e nóminas", e reivindican unha subida lineal de 225 euros ao mes a aplicar en tres anualidades desde este ano 2018 e para todos os corpos. A Xunta sostén que, a subida de "2.700 euros ao ano" por traballador que suporía aceptar é "inasumible" para as arcas públicas. 

Os sindicatos remítense a unha iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara autonómica, que apela a situar ao colectivo "da metade para arriba" na táboa salarial das comunidades coa competencia transferida, e reclaman que "se cumpra o mandato parlamentario".

As negociacións retomaranse o venres tras un mes de folga na Xustiza