Nin Franco nin Fraga: isto é o máis buscado na Galipedia

A páxina de Benedicta Sánchez foi a máis consultada en xaneiro. As procuras no 2019 centráronse en personaxes culturais como Rosalía de Castro ou Antón Fraguas
As páxinas de Rosalía, Fraguas, Benedicta e Piñeiro atópanse entre as máis consultadas na Galipedia
photo_camera As páxinas de Rosalía, Fraguas, Benedicta e Piñeiro atópanse entre as máis consultadas na Galipedia

Hai uns días saltaba a polémica a raíz dun mapa realizado por ABC no que se compoñía un mapa de Galicia cos seus representantes con máis referencias en Wikipedia. Franco, Fraga, Feijóo e Rajoy eran os gañadores.

Noutro tipo de procura, e acudindo nesta ocasión á Galipedia, atopamos diferentes resultados. O máis buscado neste portal web afástase máis da política e céntrase en ámbitos culturais e, en especial, en aqueles marcados por contextos educacionais

O MÁIS CONSULTADO EN XANEIRO. O posto número un na listaxe de procuras do último mes ocúpao Benedicta Sánchez, a muller do momento aos seus 84 anos. A súa páxina nesta enciclopedia acumula máis de 8.200 visitas.

Tras gañar o Goya a mellor actriz revelación por O que ardetamén no ranking, no posto 5–a súa popularidade medrou substancialmente. Logo dun intenso 2019, no que percorreu festivais de cine xunto ao director Óliver Laxe –no número 29 na lista– e o actor Amador Arias –no 13–, a corguesa leva unhas semanas de aquí para acolá, recibindo homenaxes alá por onde pasa. Benedicta tardará unhas semanas en recuperar a tranquilidade da súa casa no Corgo, xa que a actriz está sendo reclamada para acudir a todo tipo de eventos. Tras ser comendadora do Cocido de Lalín a pasada fin de semana, será pregoeira proximamente na Festa do Queixo de Arzúa e na Feira do Viño de Amandi.

Entre as dez primeiras búsquedas atópanse actores como o soberino Chechu Salgado –no posto dous, con 7.089 visitas– ou Xabier Deive, así como deportistas como Kobe Bryant, finado o pasado 26 de xaneiro.

No resto da listaxe destaca a presenza de personalidades do mundo da literatura, preferiblemente galega. Rosalía de Castro, Castelao, Carballo Calero, Concepción Arenal ou Unamuno figuran entre as búsquedas máis populares na Galipedia no mes de xaneiro. Neste eido tamén foron moi consultadas as páxinas dos Séculos Escuros e das Irmandades da Fala.

Os usuarios tamén mostraron interese pola política. As páxinas do BNG e dos nacionalistas Ana Pontón e Néstor Rego figuran entre as máis lidas, así como as dos socialistas Pedro Sánchez y Adriana Lastra e a da ministra de Unidas Podemos Irene Montero.

As cuestións lingüísticas e morfolóxicas tamén inquedan aos usuarios da Galipedia, que consultaron durante o mes pasado dúbidas arredor da colocación do pronome átono, xentilicios, áreas lingüísticas, alfabeto, palabras galegas de orixe celta e listas de nomes femininos e masculinos en galego.

Entre as páxinas máis buscadas atópanse ademais as de personalidades galegas do mundo do espectáculo como Pili Pampín ou Xosé Manuel Piñeiro

O MÁIS CONSULTADO EN 2019. Se analizamos as búsquedas máis populares no último ano, sae un curioso top 3: a lista de ríos de España, a propia páxina da Galipedia e a de Antón Fraguas, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2019. Rosalía (a nosa) tamén se coa entre as dez consultas máis populares. 

Entre as cen páxinas máis vistas no 2019 tamén se atopan a do alcalde ourensán Gonzalo Pérez Jácome –posto 32–, a do humorista Farruco –no 44– ou a da empresaria Marta Ortega –54–.

Nesta listaxe si aparece a páxina de Francisco Franco, concretamente no posto 89, con algo máis de 5.100 visitas. De Fraga, Rajoy e Feijóo, nin rastro.