Norvento inaugura nas Gándaras un dos edificios "máis avanzados do mundo" en enerxías renovables

Ten capacidade para acoller 200 traballadores e inclúe un laboratorio de experimentación

A empresa lucense Norvento presentou este luns as instalacións do seu Centro de Innovación Norvento Enerxía (Cine), un dos edificios "máis avanzados e innovadores de todo o mundo", en palabras do seu fundador, Pablo Fernández Castro, dado que a tecnoloxía desenvolvida pola propia compañía permítelle autoabastecerse de toda a enerxía —renovable— que necesita para funcionar, sen estar conectado a ningunha rede externa. Á presentación do novo edificio asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o comisario europeo de Acción polo Clima e a Enerxía, Miguel Arias Cañete; acompañados por outras autoridades como o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a alcaldesa da cidade, Lara Méndez; ou o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outros.

Situado no polígono industrial das Gándaras, no municipio de Lugo, o novo edificio é o resultado de seis anos de traballo, desde o seu deseño ata a súa construción, cun investimento total de 12 millóns de euros. Ten capacidade para acoller un persoal de 200 traballadores e, ademais de ser o principal centro de operacións da compañía enerxética e de monitorización dos seus parques eólicos, inclúe tamén un laboratorio para experimentación.

O deseño do edificio, que ocupa unha superficie de 4.000 metros cadrados, foi obra do arquitecto navarro Patxi Mangado

Dada a súa capacidade para autobastecerse da enerxía necesaria para funcionar de forma independente a calquera rede externa, Pablo Fernández destacou que o edificio Cine é un claro expoñente de como a tecnoloxía desenvolvida por Norvento pode "axudar ao sector industrial" a seguir o mesmo camiño. Desde o seu punto de vista, é "cuestión de tempo", pero o camiño a seguir por parte da industria pasa, precisamente, pola súa plena capacidade de autoabastecemeento e autoxestión enerxética mediante fontes renovables.

O deseño do edificio, que ocupa unha superficie de 4.000 metros cadrados, foi obra do arquitecto navarro Patxi Mangado, e Pablo Fernández Castro recordou que as súas instalacións son froito de décadas de traballo no ámbito da I+D+i, dado que están baseadas "na tecnoloxía desenvolvida pola propia empresa".

Queremos lanzar unha mensaxe ao conxunto do sector industrial e empresarial: xa é posible cambiar o xeito en que obteñen e xestionan a súa enerxía

"É un proxecto de máximos", dixo Pablo Fernández durante a súa intervención, "para probar ata onde poden chegar os nosos enxeñeiros", de modo que a "totalidade das súas necesidades enerxéticas", tanto de electricidade como de xerar frío ou calor, obtéñense "mediante fontes renovables in situ", grazas á integración de baterías que "permiten almacenar enerxía" nos momentos de alta produción. "Queremos lanzar unha mensaxe ao conxunto do sector industrial e empresarial: hoxe xa é posible cambiar o xeito en que obteñen e xestionan a súa enerxía en prol dunha maior eficiencia, aforro, e polo tanto unha maior competitividade. En definitiva, avanzar cara a unha verdadeira transición enerxética nas nosas economías", engadiu o presidente e fundador de Norvento.

En canto á compañía, que leva 35 anos operando no sector das enerxías renovables, o seu fundador recordou que é unha "das poucas empresas que actúan en toda a cadea de valor", o que permitiu alcanzar unha facturación de 42 millóns de euros en 2017, unha cifra que espera ver incrementada nun 60% en 2020, con investimentos por valor de 150 millóns. "Non son moitas as compañías no mundo cun modelo de negocio similar ao noso", insistiu, ademais de destacar a "gran vocación internacional" que ten a empresa.

En canto ao mercado eólico, recordou que Norvento está nestes momentos xestionando sete parques eólicos aquí en Galicia, aos que equipará coa tecnoloxía máis moderna e eficiente, dixo Pablo Fernández.

Comentarios