Tres novas mortes elevan a 779 as vítimas do coronavirus en Galicia

Novos brotes en Monterrei, Xinzo e O Carballiño suman 37 contaxios 
Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP

Tres novas mortes rexistradas este venres elevaron a 779 a cifra de vítimas mortais do coronavirus en Galicia. Atendendo aos datos divulgados pola Consellería de Sanidade, os falecidos son tres mulleres, de 103, 91 e 62 anos, e tiñan patoloxías previas.

A primeira delas, procedente da residencia Ballesol de Oleiros, estaba ingresada no Hospital Modelo-Belén da Coruña. A paciente de 91 anos, pola súa banda, fora trasladada ao hospital do Barco de Valdeorras desde a residencia Los Pinos da Rúa. A terceira falecida estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). 

NOVOS BROTES EN OURENSE. As autoridades sanitarias tamén informaron este venres da detección de novos brotes en Monterrei (na parroquia de Vilaza), en Xinzo de Limia e no Carballiño, que suman 37 novos contaxios na provincia de Ourense. 

En concreto, segundo detallou a área sanitaria, en Alvarellos, en Vilaza, detectáronse nove novos casos. Ademais, en Xinzo hai sete e na comarca do Carballiño rexistráronse outros 21, todos eles vinculados a distintos brotes da zona. 

En Allariz, mentres, un brote familiar afecta a cinco persoas, tras o positivo dun mozo de 22 anos. E na Mezquita, o positivo doutro home de 28 anos eleva a cinco os casos doutro brote. Por outra banda, xa son sete os positivos relacionados co foco de Celanova e hai tres novos relacionados con outros no Barco.

Comentarios