Novas Xeracións aparta ao mozo que declarou "a casa, que hai que facer a cea"

A organización xuvenil ligada ao PP sinala que cometeu "un acto inaceptable" e remarca que este martes presentou a súa baixa 
Un momento da performance 'Un violador no teu camiño' en Santiago. EP
photo_camera Un momento da performance 'Un violador no teu camiño' en Santiago. EP

O mozo que rebentou na pasada xornada en Santiago a performance feminista 'Un violador no teu camiño' ao berro de "agora a casa, que hai que facer a cea!" estaba ligado a Novas Xeracións de Santiago, organización que condenou a súa actuación e informou de que leste mesmo martes "presentou a súa baixa automática". 

Fontes populares trasladaron a Europa Press que, despois de ter coñecemento do feito, actuouse e falouse co mozo, que xa non pertence a Novas Xeracións de Santiago. "Admitiu que se equivocou e que tiña que irse", indicaron. 

Posteriormente, nun comunicado, a organización xuvenil ligada ao PP incide en que o mozo cometeu "un acto inaceptable" e remarca a súa "condena" a calquera actuación "de carácter machista". "Non temos nada que ver co sucedido onte", engade. 

"Representamos a defensa das mulleres, condenamos a violencia machista e loitamos para conseguir a igualdade entre homes e mulleres. Calquera manifestación que vaia en contra diso non nos representa", proclamou. 

Así as cousas, a organización subliña que quere "deixar claro que esa persoa non forma parte de Novas Xeracións". "Esta mañá presentou a súa baixa automática da nosa formación", concluíu. 'UN

UN VIOLADOR NO TEU CAMIÑO.  A acción feminista 'Un violador no teu camiño', que empezou nas rúas de Chile, estendeuse polos distintos países e, no marco das actuacións que teñen lugar en España, na pasada xornada había unha convocatoria na compostelá Praza do Obradoiro para representar esta performance. 

Secundada por decenas de mulleres, a performance concluíu en Santiago con rifa ao aparecer en escena un mozo que centrou o protagonismo cun exabrupto. "Agora a casa, que hai que facer a cea!", gritou, provocando unha reacción de indignación entre as persoas presentes na praza. 

De feito, as participantes na performance contestaron ao exabrupto do home coreando a lema "coidado machista, estás na nosa lista!". Finalmente, este tivo que abandonar a Praza do Obradoiro increpado e zarandeado por outros homes que estaban presentes na performance.

POLÉMICA EN REDES. O sucedido na Praza do Obradoiro foi obxecto de polémica nas redes sociais, onde se vinculou ao mozo que rebentou a acción feminista coa formación que dirixe Alberto Núñez Feijóo. 

"Que pensa o PP de Galicia de que militantes seus se dediquen a boicotear performances feministas contra as violencias machistas? Fíxoo hoxe en Compostela. Esiximos respostas. Ou coa igualdade ou co machismo, hai que situarse", retou no seu perfil de Twitter a deputada Luca Chao (de Grupo Común da Esquerda). 

Pouco despois, Novas Xeracións de Santiago informaba de que xa non forma parte da organización e condenaba o ocorrido. 

Comentarios