Oito novos casos elevan a 47 os positivos polo brote relacionado co ximnasio de Arteixo

A Consellería de Sanidade "segue traballando co obxectivo de limitar o risco de novas infeccións

O brote de Covid-19 relacionado cun ximnasio situado no núcleo de poboación de Meicende, no municipio coruñés de Arteixo, alcanza xa os 47 contaxiados, ao sumar oito positivos máis nas últimas horas, segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A orixe do brote sitúase nun usuario dese ximnasio que tamén traballa como porteiro dun pub de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña), local que foi pechado hai días.

No centro de adestramento situado en Meicende suspendéronse as clases, pero o rastrexo dos contactos realizado pola área Sanitaria da Coruña orixinou a detección destes novos casos, que xa están illados e en seguimento domiciliario.

Un dos positivos é o dun vixiante do centro cívico de Monte Alto, usuario tamén do ximnasio, así como traballador do matadoiro municipal da Coruña.

O seguimento dos contactos relacionados co brote rexistrado en Meicende e as súas ramificacións realizado pola área Sanitaria da Coruña supuxo a realización de 218 PCR só na xornada do domingo.

Con todo, as autoridades sanitarias consideran que segue habendo posibilidade de novos contaxios, polo que subliña que a Consellería de Sanidade "segue traballando co obxectivo de limitar o risco de novas infeccións, tomando as medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables a esta situación".

Este brote converteuse xa o segundo de maior importancia dos detectados en Galicia, só superado polo que obrigou a pechar os accesos á Mariña lucense, que chegou a provocar máis dun centenar de infectados por Covid-19.

Comentarios