Os novos positivos en Galicia superan os 600

As cifras da pandemia empeoran en Galicia este xoves en todos os parámetros: soben os ingresados, os contaxios diarios e os casos activos
Un sanitario prepárase para administrar a vacina na vivenda comunitaria San Marcos de Cudeiro en Ourense. EFE
photo_camera Un sanitario prepárase para administrar a vacina na vivenda comunitaria San Marcos de Cudeiro en Ourense. EFE

As cifras da pandemia empeoran en Galicia este xoves en todos os parámetros. Un día despois do fin das festas do Nadal, soben os ingresados, os positivos diarios e os casos activos. Todo iso nunha xornada na que a taxa de positividade roldou o 10% das case 8.000 probas realizadas en 24 horas. 

Todo iso extráese do balance de datos da pandemia que publica na mañá deste xoves a web da Consellería de Sanidade, que apunta un incremento de 20 pacientes máis hospitalizados no conxunto das áreas sanitarias galegas, aínda que o número de persoas en Uci mantense en 57. 

Os contaxios detectados pasan este xoves os 600. Foron diagnosticadas con coronavirus un total de 639 persoas, 49 máis que o mércores. Tamén sobe o global de casos activos, que se vai aos 6.700 --396 máis que o día previo--. 

Todo iso nunha xornada no que o volume de probas PCR practicadas volveu aumentar ata situarse nas 7.944 en 24 horas. Delas, o 9,3% foron positivo en covid-19, case o dobre do que establece a OMS para dar por controlada a pandemia. 

E é que só Santiago e Lugo presentan unha taxa próxima a ese 5% co 5,3% e 6,8% de probas PCR positivas, respectivamente. Nos seis distritos sanitarios restantes, a porcentaxe de contaxios diagnosticados foise por encima do 9% con picos do 12,8% na Coruña e do 16,9% en Vigo.

PRESIÓN HOSPITALARIA. Na actualización de datos da pandemia destaca o incremento das hospitalizacións respecto da xornada anterior. Hai agora 419 persoas ingresadas con covid-19 nos hospitais galegos, 20 máis que un día atrás; aínda que os pacientes UCI mantéñense en 57. 

Por áreas sanitarias, todas empeoran os seus datos respecto ao mércores salvo Pontevedra e Ferrol. Así, A Coruña-Cee continúa un día máis como o distrito con máis pacientes covid ingresados con 104 (+7), dos que 19 están en UCI (+1). 

Séguelle Santiago-Barbanza, que alcanza os 100 (+4) aínda que se relaxa a presión sobre as unidades de críticos, que baixa a 9 pacientes (-4). Após ela está Vigo, onde soben a 59 (+5) con 14 pacientes críticos (+1). 

En Pontevedra hai este xoves o mesmo número de pacientes ingresados que o mércores, 56, aínda que son un menos nas UCIs da área: 10. Os hospitais de Ferrol acollen a 47 (sen cambios), 3 deles en UCI (-1). 

Finalmente, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco ten xa 34 hospitalizados (+2), dous en coidados intensivos (+1) e Lugo-A Mariña-Monforte ten 19 pacientes en hospital --uno máis-- e ningún en UCI.

POSITIVOS DETECTADOS. Deste xeito, dos 639 novos positivos detectados nas últimas 24 horas, as áreas de Vigo, A Coruña e Santiago achegan a maioría dos contaxios. 

Así, foi na zona de influencia da cidade olívica onde se deron máis diagnósticos con 181 casos --91 máis--; seguida pola Coruña-Cee con 157 --9 menos-- e Santiago-Barbanza, con 93 --40 menos--. 

Na área de Ourense notificáronse 71 contagios --4 máis--; en Pontevedra foron 45 --16 máis--; en Ferrol 63 --11 máis-- e en Lugo, con 63 novos positivos. 

En canto ao global de casos activos --pacientes que aínda atravesan a enfermidade--, Galicia contabiliza este xoves 6.700, 396 máis que na xornada anterior. 

A área da Coruña é onde máis hai, con 1.470 pacientes (+93), seguida por Santiago con 1.453 (+11) e Vigo, distrito no que se produce a maior oscilación da xornada, pois soben en máis dun centenar cos casos activos até os 1.260 (+144). 

Após estas, Pontevedra conta con 735 (+8), Ourense con 764 (+30), Lugo con 619 e Ferrol con 399 (+12).

ALTAS, CASOS E FALECIDOS. En Galicia rexistráronse ata o momento 66.428 casos de coronavirus, dos que 58.303, 378 nas últimas 24 horas. 

En total, a comunidade fixo, desde o inicio da pandemia, 1.153.347 probas PCR, 7.944 delas no último día. En canto ás vítimas mortais, a crise sanitaria deixa en Galicia ata o momento 1.431 falecidos, catro nas últimas horas. 

Comentarios