A ocupación hoteleira elévase ao 85% en Galicia durante a Semana Santa

En algunhas zonas a melloría alcanza un 10% con respecto ao pasado ano

Ademais de Viveiro e a Ribeira Sacra, a ribandense praia das Catedrais foi un dos lugares máis visitados da provincia de Lugo. J.Mª. ALVEZ
photo_camera Ademais de Viveiro e a Ribeira Sacra, a ribandense praia das Catedrais foi un dos lugares máis visitados da provincia de Lugo. J.Mª. ALVEZ

Os primeiros datos do sector turístico durante a Semana Santa, a falta de pechar as cifras definitivas unha vez se contabilice o luns de Pascua, que foi festivo en moitas Comunidades, apuntan a que a ocupación se elevou a un 85% en toda Galicia, superando incluso as expectativas nalgúns puntos cunha melloría de até un 10% con respecto ao ano pasado.

Lugo foi a provincia que máis mellorou en termos de ocupación durante a pasada semana. O 93,3% de ocupación medio no conxunto da provincia supuxo un ascenso de máis de dez puntos con respecto ao ano pasado, segundo desvelou o Clúster Turismo de Galicia nun comunicado emitido este martes. No conxunto de Galicia, o dato quedouse na pinza que vai desde o 65% ao 85%.

A comarca da Mariña, con Viveiro como referencia principal, e a Ribeira Sacra foron as zonas máis visitadas, cunha media dun 95% durante todos os días e un 100% o Xoves e o Venres Santo. En xeral, espérase que a Ribeira Sacra, tanto lucense como ourensá, acabe chegando ás cifras de 2017, un ano que resultou especialmente positivo, cando se completou o reconto total.

Así mesmo, o outro destino de turismo relgioso por excelencia, Ferrol, completou tamén o seu aforamento nos días grandes e mantivo unha media de ocupación de entre o 70% e o 85% durante o conxunto da semana. Diso, segundo asegura Clúster Turismo, beneficiouse tamén toda a comarca de Ferrolterra.

Pola súa banda, A Coruña rexistrou unha porcentaxe de ocupación media dun 86%, doce puntos por enriba que o ano pasado, e Santiago cumpriu as súas expectativas ao chegar ao 80% esperado. Do mesmo xeito, na provincia de Pontevedra a cifra chegou ao 85% na capital, ao 83,5% en Vigo e ao 65% en Sanxenxo –o que supón que 31.500 turistas pasaron algunha noite no municipio do Salnés–.

En Ourense, rozouse o cheo nos días centrais e a cifra xeral estivo en torno ao 80%. O turismo rural marcou unha ocupación de en torno ao 67% nos días festivos e ao 50% no conxunto da semana.

CAMIÑO DE SANTIAGO. A Oficina do Peregrino rexistrou que, durante os días santos, un total de 13.969 camiñantes recolleron o seu compostela, un 60% máis que o ano pasado. A metade deles eran doutras nacionalidades, entre as que destacan a portuguesa, a alemá, a irlandesa e a estadounidense.

Comentarios