sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

A oposición critica a maneira de irse da Valedora e o PPdeG di que a "honra"

Milagros Otero, valedora do pobo. AEP
Milagros Otero, valedora do pobo. AEP

Milagros Otero enviou unha carta ao Parlamento de Galicia na que pon o seu cargo a disposición da Cámara

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG Paula Prado puxo en valor este xoves a decisión da Valedora do Pobo, Milagros Otero, que este mediodía enviou ao Parlamento de Galicia unha carta na que pon o seu cargo a disposición da Cámara dado que "é algo que a honra porque tomou a decisión pensando no ben da institución".

En declaracións á prensa nos corredores do Parlamento, a deputada popular dixo que no seu grupo respectan a determinación de Milagros Otero, que á fronte da institución desenvolveu a xuízo da deputada popular "un magnífico traballo", ao ocuparse de "moitísimos asuntos e cuestións que afectan á cidadanía" e por ser capaz de "achegar" esta entidade á sociedade. Por iso, "lamentamos que se dera esta situación", dixo.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que "o atraso na dimisión é un atraso de dez meses, non de 24 horas". Na súa opinión, tal e como expresou nun almorzo informativo, a Valedora xa debería dimitir despois de recibir a sentenza do TSXG o pasado verán, un veredicto "inusualmente duro".

Para o líder de En Marea é un motivo de renuncia ou cesamento inmediato porque "na democracia non hai sitio para enchufes, para prebendas e para amiguismos".

A portavoz de Xustiza do grupo Socialista na Cámara lexislativa galega, Patricia Vilán, cominou este xoves a Otero a "que deixe de representar" á institución e se limite a "labores de xestión". A deputada do PSdeG considerou que tras "un escrito que temos que entender como unha renuncia porque hai unha condena pola actuación enchufista da Valedora" non pode seguir representando ao organismo, por iso esíxenlle que "só faga labores de xestión coma se fora un goberno en funcións".

En opinión de Vilán, tal e como trasladou á prensa, Milagros Otero "non pode pretender representar" á Valedoría xa que tras a decisión do Tribunal Supremo sobre o proceso de contratación dunha persoa nesa institución, "xa non é a Valedora, é unha señora que está a ocupar o cargo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu este xoves o cesamento "inmediato" da Valedora do Pobo ao entender que non é aceptable unha "dimisión en diferido" como a que pretende unicamente pondo o seu cargo a disposición. "As dimisións en diferido pensabamos que eran cousas do pasado do PP pero parece que é unha fórmula que lle gusta a Núñez Feijóo", criticou a nacionalista.

Ao seu parecer, tal e como dixo á prensa, é "impresentable en termos políticos o escrito que acaba de presentar a Valedora do Pobo" que busca unha "dimisión en diferido" cando "está condenada por enchufar nin máis nin menos que á irmá do portavoz do PP no Parlamento", á que se lle concedeu o posto de xefa de Servizo de Administración e Persoal.

A oposición critica a maneira de irse da Valedora e o PPdeG di que...
Comentarios