A oposición planta a comparecencia do xerente do Sergas no Parlamento

Antonio Fernández-Campa defendeu a xestión da Xunta e destacou a "mellora" experimentada polo sistema sanitario galego nos últimos anos

Comparecencia de Antonio Fernández-Campa na comisión de Sanidade. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Comparecencia de Antonio Fernández-Campa na comisión de Sanidade. PEPE FERRÍN (AGN)

A oposición visualizou a súa plante á comisión de investigación da sanidade galega posta en marcha no Parlamento de Galicia ao ausentarse da primeira das comparecencias, a protagonizada este xoves polo xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, que defendeu a xestión da Xunta e destacou a "mellora" experimentada polo sistema nos últimos anos. 

"Xunto co sistema educativo, é un dos alicerces do noso sistema de benestar e debemos estar orgullosos del", destacou o xerente do Sergas nunha intervención na que só tivo como interlocutor ao portavoz de Sanidade do PPdeG, o deputado Aurelio Núñez Centeno. 

Fernández-Campa subliñou a "gran calidade" da sanidade pública galega e asegurou que a Xunta "seguirá traballando" para incrementar e mellorar a asistencia. Así, defendeu que os indicadores de saúde máis significativos manteñen unha clara tendencia á melloría nestes anos e revelan que se trata dun sistema "eficaz". 

Entre outras cuestións, o xerente do Sergas referiuse á evolución do gasto neste sistema e puxo en valor que o orzamento para a sanidade pasou de 3.639 millóns de euros en 2008 a 3.861 millóns en 2018, 222 millóns máis. 

Tras iso, o popular Aurelio Núñez Centeno lamentou o plante da oposición nunha investigación que, precisamente, foi posta en marcha a petición de En Marea, PSdeG e BNG. En concreto, estas formacións utilizaron a posibilidade introducida no regulamento do Parlamento galego tras a súa última modificación, que permite que se cre de forma automática unha comisión destas características se así o solicitan dúas quintas partes dos deputados da Cámara. 

Con todo, despois de que o PPdeG aprobase en solitario o seu plan de traballo, ao non chegar a acordo coa oposición neste punto, En Marea, PSdeG e BNG decidiron abandonar o órgano. 

"A oposición constitúe unha comisión de investigación para falar de recortes e non quere que participe na mesma ningún experto en financiamento sanitario ou en economía da saúde", censurou Núñez Centeno, que asegurou que os datos ofrecidos polo xerente do Sergas mostran a realidade do sistema sanitario galego fronte ás "constantes acusacións da oposición". 

Comentarios