Os outros Meirás da Mariña

A comarca luguesa conta con numerosos exemplos da represión económica do franquismo

 

A casa incautada ao banqueiro Manuel Casas é o actual consistorio de Ribadeo (ao fondo). AMA
photo_camera A casa incautada ao banqueiro Manuel Casas é o actual consistorio de Ribadeo (ao fondo). AMA

A presentación este xoves na libraría Bahía de Foz, do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo trae á actualidade a represión económica do réxime franquista en Galicia, e por extensión na comarca da Mariña, onde hai numerosos exemplos, moitos deles tamén recollidos neste volume.

Un tipo de represión eran as incautacións económicas de natureza paralegal, é dicir, aquelas que non tiñan ningún tipo de base legal como as suscripcións populares ou donacións voluntarias, que como lembra o estudoso focego Ramón Ermida, "non eran realmente voluntarias". Dos casos comarcais apenas hai documentación, pero Ermida asegura que para o "Avión Lugo", no que se recadaba diñeiro para mercar un avión ao exército franquista, recadáronse 127.000 pesetas nos concellos de Ribadeo, Viveiro, Foz e Mondoñedo.

A outra parte da represión franquista foi a parte legal, que se facía na Xunta Provincial de Incautación de Bens e, a partir de 1939, a través da Lei de Responsabilidades Políticas. Neste apartado inclúense os embargos de gando: en Foz incautáronse 2.547 pesetas en animais a cinco veciños; en Viveiro 1.705 pesetas a tres veciños e 1.308 pesetas a dous veciños da Pontenova. Tamén se lle incautaron fondos a asociacións sindicais e políticas, como a Sociedade de Labradores de Galdo ou a Casa do Pobo de Viveiro.

TODO TIPO DE BENS. As incautacións chegaban a todo tipo de bens, coma as bibliotecas das sociedades obreiras. Un caso neste senso foi o do Ateneo Popular de Ribadeo, cuxos fondos foron queimados polos militares. En Viveiro, o cronista oficial Carlos Nuevo Cal, estudou a fondo a represión económica na cidade onde hai exemplos como os bens incautados á Liga Agraria do Landro, á Sociedade de Obreiros de Viveiro ou a particulares coma Xosé Seco Catá ou Eugenio del Valle.

Os terreos do instituto de Mondoñedo e o concello de Ribadeo foron propiedades requisadas

A meirande parte das incautacións eran permanentes como as levadas a cabo ao mindoniense Graciano Paz, nos que agora se levanta o instituto da cidade, ou a das propiedades do banqueiro crebado de Ribadeo, Manuel Casas. A súa vivenda é agora o consistorio ribadense.

Pero tamén hai tomas de bens provisionais e en Foz atópanse dous exemplos. A Casa da Aduana, que era propiedade do daquela alcalde socialista Francisco Fuente, que foi ocupada dous anos como local da Asociación de Mulleres ao Servizo de España, que confeccionaban uniformes militares, ou o salón de baile Rosalía de Castro, que durante tres anos se converteu en local da Falanxe.

OUTROS CASOS. A maiores das grandes incautacións hai toda unha serie de apropiacións de material para o seu uso en locais oficiais, Por exemplo, o local das Irmandades do Campo de Foz foi dotado cos bens expropiados a Ramón García, zapateiro que era presidente de Unión Republicana.

Tamén o traballo escravo era unha forma de represión económica. Un dos campos de concentración máis importante de Asturias era o das Figueiras e presos del fixeron parte da estrada que une Ribadeo e A Pontenova.

Comentarios