Pachi Vázquez: "O odio interno está a esnaquizar o PSOE"

O exsecretario xeral do PSdeG, que deixou o partido, asegura que non se irá a Ciudadanos

Pachi Vázquez
photo_camera Pachi Vázquez

O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013, conselleiro de Medio Ambiente co bipartito e alcalde do Carballiño entre 1995 e 2005, Manuel Pachi Vázquez, considerou que o "odio interno" está "a esnaquizar" ao Partido Socialista e asegurou que deixa a formación para evitar purgas aos seus militantes afíns. 

"O problema non é que me marche eu, é que se están marchando centos de miles de votantes", expresou nunha entrevista concedida este luns á Radio Galega, despois de que o pasado venres transcendese que solicitou a súa baixa como militante da formación. Ademais, advertiu de que o problema do partido non quedará en Andalucía: "As municipais van ser unha carnicería".

"Só unha pequena parte do partido é a socialista; o resto son persoas achegadas que están aí facendo dano"

Pachi Vázquez destacou que a súa decisión foi "moi meditada" tras observar que o Partido Socialista tomou un "camiño" que, na súa opinión, "está a confundir a miles de persoas". Entre outras cuestións, criticou que Pedro Sánchez goberne da "man" con partidos independentistas e a ausencia do actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, do Parlamento de Galicia. 

Por iso, aínda que dixo que coa súa marcha non busca "facer dano", censurou a actitude da dirección galega e estatal. "Creo que están a manter determinadas actitudes que non axudan a corrixir esta sangría. Moi ao contrario", considerou.

"Nin persoalmente me sentiría cómodo en C's nin ideolóxicamente forma parte da miña estrutura mental"

"PURGAS E VETOS". Así, denunciou a existencia de "purgas e vetos" por parte das direccións galega e estatal, ás que ve inmersas nunha "guerra interna absolutamente interminable" que, segundo indicou, resta tempo "para tratar de resintonizar con millóns de socialdemócratas que están a buscar un partido ao que votar". 

Neste punto, cargou contra a dirección galega ao asegurar que está a levar a cabo unha "purga obsesiva" coa convicción de que "só unha pequena parte do partido é a socialista". "O resto son persoas achegadas que están aí facendo dano", expresou Vázquez, que lamentou que no recente acto que o PSdeG organizou en Santiago para celebrar as súas 4 décadas "se quixese silenciar os 40 anos de historia do partido". 

Pero o que fora alcalde do Carballiño estendeu esta actitude á Executiva estatal e lamentou que, nun momento no que o PSOE "está a perder centos de miles de votantes", o máis importante para o secretario de Organización, José Luis Ábalos, e para o secretario xeral, Pedro Sánchez, sexa "que se vaia Susana Díaz". "Non están a ver o gran drama que ten este país e que ten o PSOE", advertiu Vázquez, que cre que as próximas municipais e autonómicas serán "unha carnicería" para o partido. 

"Teño mil problemas persoais, algúns xudiciais, pero nunca me engurrei"

Ante este contexto, o que fora secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013 considerou que estaría ben "abandonar a política de purgas e de eliminación de compañeiros que non pensan como eles para tratar de resintonizar coa sociedade". Ademais, confiou en que a súa marcha sirva para "facer unha reflexión" de que no PSOE "teñen que caber todos". 

"Espero que este paso meu axude a aliviar tensións e que ese novo socialismo que sabe moito, que o vai a arranxar todo e a conseguir grandes éxitos que quede tranquilo, xa teñen espazo e que fagan eles", apuntou.

NEGA CONTACTOS CON CIUDADANOS. En canto ao seu futuro político, Pachi Vázquez negou manter algún contacto con Ciudadanos de car a próximos comicios e subliñou que "nunca" estará nesa formación. "Nin persoalmente me sentiría cómodo nin ideolóxicamente forma parte da miña estrutura mental", apuntou nunha intervención na Radio Galega na que reiterou varias veces que non se vai "para facer nada". 

Precisamente, o pasado sábado, a través o seu perfil na rede social Twitter, Vázquez colgou unha mensaxe no que sinalaba que sempre estaría "da raia do medio cara á esquerda". "Acabo de tomar unha das decisións máis difíciles da miña vida, deixo a militancia do PSdeG-PSOE por razóns que explicarei no seu momento. Se alguén me quere buscar, atopareime sempre da raia do medio cara á esquerda. Un abrazo socialista", apuntou. 

Con todo, non aclarou se abandonará a política e limitouse a sinalar que ten "mil proxectos persoais". "Teño mil problemas persoais, algúns xudiciais, pero nunca me engurrei", indicou en relación á investigación xudicial aberta contra o por un presunto delito de prevaricación continuada na contratación de traballadores no Concello do Carballiño.

ESPAZO COMÚN. Cuestionado na entrevista sobre se espera que a súa marcha provoque outras baixas no PSdeG como a dos seus achegados aglutinados en torno ao denominado Espazo Común, pediulles que "manteñan a calma" e que "sigan traballando". "O problema non vai ser que se vaian moitos porque me vou eu, o problema é que queren botar a moitos se non me ía eu", considerou. 

Comentarios