Pais separados denuncian que non se están cumprindo coas entregas dos fillos

Pais e fillos. ARQUIVO
photo_camera Pais e fillos. ARQUIVO

A Asociación Galega de Pais e Nais Separados denuncia que, coa crise do coronavirus, están a darse "comportamentos abusivos e mesmo contrarios a dereito" por parte dalgún dos proxenitores. Co peche dos colexios e o estado de alarma, indica, "e xunto coa mala fe dalgunhas persoas", estase a dificultar o dereito dos menores a relacionarse con algún dos proxenitores.

Desde AGPNS explican que se poñen escusas como que as recollidas facíanse no colexio, que agora non hai liberdade de circulación ou que "polo ben da sáude do neno ou nena é mellor que non se mova da casa".

"As sentenzas ou os convenios están para respectarse e non deben obviarse sen máis e, en todo caso, chegar a acordos é fundamental para cada caso concreto. Non esquecer que existe a obriga de aterse á boa fe, ao uso e á lei para manter o principio de tutela efectiva  Ningún proxenitor pode pensar que o incumprimento do réxime de convivencia nas actuais circunstancias poida impedir ningún acto legal contra el", indican desde AGPNS

Tamén explican que o peche do colexios e outros puntos de encontro "non debe impedir o intercambio", xa que poden buscarse outros lugares como os domicilios, a comisaría ou as portas dos xulgados de garda.

Sobre o decreto de alarma e ás restricións á liberdade de circulación, a asociación remítese a un comunicado de Protección Civil de Catalunya, que especifica que si se poden producir estes traslados para recoller ou entregar a fillos e fillas.

Comentarios