jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

A Palleira Music Records

Lucía Pérez e Tonhito de Poi, nunha gravación. A PALLEIRA
Lucía Pérez e Tonhito de Poi, nunha gravación. A PALLEIRA

Na Terra Brava lucense, no concello do Incio, funciona desde hai uns anos o estudio de gravación e produción musical A Palleira, un espazo enxebre e de boas vibracións anexo á vivenda familiar dos irmáns Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, de onde xa saíron varios discos

 

A Palleira é un local "multiusos" no que ten cabida quen queira "gravar, cantar, contarnos un conto ou probar o viño novo", explica o produtor, músico e técnico de son Xabier Vizcaíno. Con esta definición está claro que non se trata dun estudio de gravación "ao uso", senón que o seu significado vai moito máis alá e fai deste un lugar único que reborda música.

Non podía ser doutro xeito tendo en conta que se localiza nun espazo anexo á vivenda familiar de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, en plena montaña do Incio e rodeado de natureza. A carreira musical que emprenderon os dous irmáns acabou por converter esta zona da casa, "na que se gardaba a herba e a palla para as vacas", nun estudio de gravación equipado con todo o material necesario para producir un disco a nivel "profesional".

Cambiou radicalmente o uso, pero a palleira mantivo tanto o nome como a súa esencia. As paredes de pedra conserváronse, ao igual que os teitos de madeira coas trabes á vista, o que tamén se traduce "nun encanto para o son".

O espazo no que se gardaba a herba converteuse nun estudio profesional mantendo as paredes de pedra e o teito coas trabes

"Para min foi das mellores obras na casa, xa que resulta moi útil para o noso traballo", comenta Xabier Vizcaíno, quen ten aquí a súa "oficina", ademais dunha fonte de inspiración. "Persoalmente A Palleira bótame un cable á hora de escribir porque estou moi cómodo. Inspírame moitas cousas porque me dá tranquilidade. Aí xurdiron as cancións do meu disco ou, dalgún xeito, remataron de ser canción", afonda o artista.

Tanto o seu último álbum, Diáspora, coma o anterior, Alas de papel, producíronse na súa totalidade nos estudios da Palleira, de onde tamén acaba de saír, aínda ben fresco, o que é xa o sétimo disco de Lucía Pérez, Quince soles, un traballo íntegro en galego coa colaboración de Chenoa, Rosa Cedrón, Tonhito de Poi e Sito Sedes, entre outros artistas, que este venres se presenta en sociedade nun acto en Compostela.

Para a cantante, dispor destas instalacións na propia vivenda "facilita moito a vida artística e profesional" pero, ademais, engádelle un valor extra á actividade musical. "O feito de estar no teu ambiente, máis relaxado, sen ter os tempos tan estritos, fai que o traballo sexa máis fluído e beneficia no resultado final", asegura a exrepresentante de España no festival de Eurovisión, que estes días se atopa de concertos en Lisboa acompañada do seu irmán, de quen di que está tocado polas "musas" e polo "don da composición".

O ambiente que ofrece "inspira" os artistas e "beneficia no resultado final" do disco, afirman

Segundo contan, pola Palleira pasaron xa moitos músicos, para gravar os seus propios traballos ou colaborar nos discos dos Pérez Vizcaíno. "É unha sorte ter grandes artistas na túa propia casa musical", afirman. O estudio ábrese así a outros intérpretes que atoparon nesta estancia o lugar axeitado para darlle forma aos seus proxectos coa axuda de Xabier Vizcaíno e a súa formación como técnico de son.

O artista de Begonte Adrián Vigo, todo un exemplo de superación, cóntase entre os que elixiron A Palleira para producir o seu disco, ao igual que o cantautor compostelán Jorge Casal ou o gaiteiro de Ourense Marco Foxo.

Xabier Vizcaíno con Adrián Vigo. A PALLEIRA

Estes estudios reciben tamén moitos músicos da comarca, coma o saxofonista Miguel Batista de Sarria, o trompetista Adrián Real de Samos ou o acordeonista Roi Maceda do Incio. "Somos amigos, coñecidos e botámonos unha man uns aos outros", apunta Xabier.

En xeral, todos marchan "encantados". Así o expresaba Adrián Vigo nas redes sociais: "Está siendo un inmenso placer para mí grabar en A Palleira Estudios. Darle a Xabier Vizcaíno las gracias por todo el excelente trato durante los días de grabación, sin olvidarme de Encarna Vizcaíno por la fantástica cocina. ¡A Palleira Estudios es un sitio ideal y que te transmite relajación total!"

E é que a familia tamén lles facilita aos músicos dende comida caseira ata procurarlles aloxamento, ben sexa na propia vivenda ou nalgún dos establecementos da zona. De camiño, A Palleira axuda a promocionar as terras do Incio. "Todo vai incluído no 'pack'", bromea o produtor.

A Palleira Music Records
Comentarios