O Parlamento afronta o primeiro pleno coa metade dos deputados no hemiciclo

A sesión prevese intensa, coa aprobación do teito de gasto e o debate de totalidade de dúas leis. Feijóo comparece o mércores
Un momento da sesión deste martes no Parlamento de Galicia. AGN
photo_camera Un pleno anterior no Parlamento de Galicia. AGN

O Parlamento de Galicia celebra esta semana unha intensa sesión plenaria na que, como principal novidade, aplicaranse as restricións no hemiciclo que implican que só poderán estar a metade dos deputados simultaneamente, salvo no momento das votacións —na que poderán coincidir os 75 deputados—.

Concretamente, os grupos da Cámara —PPdeG, BNG e PSdeG— acordaron coa presidencia que haxa 38 deputados e o presidente do Parlamento ou a persoa que nese momento dirixa a sesión. 

Esta restrición súmase á limitación de presenza de público, que non está permitido, na tribuna de invitados. Os xornalistas gráficos deberán permanecer o menor tempo posible para facer o seu labor e os redactores deben seguir a sesión a través dos circuítos internos e as salas habilitadas para iso. 

A sesión arrinca este martes coa votación do teito de gasto marcado pola Xunta para a elaboración dos orzamentos autonómicos de 2021, que ascende a 11.664 millóns, cun incremento do 14,9%, o que permitirá aumentar as capacidades de gasto uns 1.500 millóns. 

Ademais, este pleno debaterá as propostas de resolución en relación aos informes do Consello de Contas, así como o proxecto de lei de pesca continental de Galicia e o proxecto de lei de ordenación do territorio

Na sesión desta semana tamén está previsto que compareza a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para informar da situación e das medidas adoptadas polo Goberno galego ante o caso de turbidez no río Eume e o seu impacto no abastecemento de Pontedeume.

COMPARECENCIA DE FEIJÓO. Xa o mércores, e en lugar das habituais preguntas ao presidente da Xunta que se formulan ese día, Alberto Núñez Feijóo comparecerá no hemiciclo para abordar as medidas que adoptou o Goberno autonómico fronte á segunda onda da covid-19 e as dirixidas a paliar as consecuencias sanitarias. 

Esta comparecencia é froito do acordo dos grupos parlamentarios, que pactaron substituír as dúas preguntas formuladas polos líderes da oposición Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) por unha comparecencia máis ampla, para o que se aproveitou unha petición que tiñan rexistrada os nacionalistas. 

Comentarios