O Parlamento galego rexeita as argucias dos Franco e pide ao Goberno accións para recuperar Meirás

Todos os grupos apoian unha iniciativa impulsada polo BNG que reclama axilizar a demanda para incorporar o pazo ao patrimonio público

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás. AEP

O Parlamento galego aprobou este mércores por unanimidade unha iniciativa impulsada polo BNG na que se reproban as "argucias" da familia Franco para tentar "boicotear" o proceso de devolución do pazo de Meirás. Ademáis, ínstase ao Goberno central a actuar para que o inmoble sexa incorporado ao patrimonio público. 

En concreto, o texto aprobado acorda como resolución "reprobar as argucias da familia Franco para tentar boicotear o proceso de devolución do Pazo de Meirás", e solicita ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez "activar con urxencia a demanda legal" conforme "o indicado na conclusión final do informe da comisión de expertos" que traballou para buscar unha vía con seguridade xurídica. 

A iniciativa, que logrou de novo o acordo dos catro grupos representados no arco parlamentario autonómico —PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG—, tamén se remite á "vontade unánime" expresada o pasado 11 de xullo no pleno da Cámara autonómica. 

A pesar da unanimidade sobre o fondo, durante o debate da iniciativa os representantes dos distintos partidos expresaron os seus respectivos puntos de vista. Así, o parlamentario Luís Bará (BNG) lamentou que, a pesar das declaracións públicas, a súa formación non vexa "avances nin vontade política" para "dar celeridade" a este asunto, nin constata que sexa "prioritario" para o Executivo de Sánchez. 
Máis ben, asegurou ter "a impresión" de que se busca "enredar e facer que se fai", mentres os Franco realizan "artimañas" para "boicotear". Como exemplo máis recente, aludiu ao intento dun neto do ditador de vender a súa parte do pazo a unha empresa da súa propiedade. Así, alertou dos riscos de non actuar "con firmeza e rigor". 

Aínda que remarcou que "a pelota está agora no tellado" do Goberno central, Bará tamén apuntou á Xunta, á que achacou "certa pasividade ou falta de transparencia", precisamente nos seus posicionamentos sobre as "argucias" dos Franco.

"A MEMORIA HISTÓRICA NON É PATRIMONIO DO NACIONALISMO". Na súa quenda, o deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada arrincou a intervención manifestando o respaldo dos socialistas en Galicia e "en toda España" á demanda que se plasma na iniciativa debatida este mércores no seo da Comisión Institucional, á que xa avanzou do apoio do seu grupo. Dito isto, reivindicou o labor dos socialistas e advertiu de que a memoria histórica "non é patrimonio dun partido político". "É de toda a sociedade civil e non do nacionalismo galego na medida na que vostedes o entenden", advertiu ao BNG, á vez que insistiu en que o Goberno de Sánchez só busca actuar "coa máxima seguridade xurídica". 

Ao tempo, remarcou que "ninguén que asista ao debate público pode ter dúbidas sobre o compromiso do PSOE coa memoria histórica". Unha actitude que contrapuxo co "bloqueo" de "as dereitas", en alusión a PP e Cs, a que haxa "avances". "Realmente, non temos constancia de se o PP quere superar esa etapa negra", lamentou. 

Pola súa banda, a parlamentaria de En Marea Julia Torregrosa tamén ratificou o apoio do seu grupo a unha iniciativa que interpretou como "un recordatorio" dos pasos que hai que dar para materializar unha demanda na que se chegou a un "acordo" por parte das distintas forzas galegas e que ten o respaldo, ademais, de organizacións civís e doutras institucións.  Iso si, advertiu que, para que vaia adiante, "non é unha cuestión de intención, senón de accións" que permitan "dar por pechado o tema dunha vez por todas".

O parlamentario do PPdeG César Fernández Gil manifestou a súa coincidencia co arranque da intervención de Villoslada, pero matizou que o positivo sería que "camiñar xuntas todas as forzas políticas" e non só "as de esquerdas". Así as cousas, o deputado popular reivindicou a "coherencia" da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo e asegurou que o PPdeG "sempre" estará na reivindicación de incorporar o pazo a patrimonio público. "Fíxose un traballo moi importante desde as institucións galegas; non imos entrar na guerra de botar culpas a ninguén", indicou. 

Ao tempo, esgrimiu que "se algo é de todos" debería deixar de usarse como "ferramenta de ataques entre partidos". 

Bará ironizou con está "ben" o discurso "ecuménico" de que "todo é marabilloso". "É moi guai, pero desgraciadamente as cousas non son así", sinalou o nacionalista, quen afeou ao PPdeG que "botase abaixo" e "deixasen morrer" proxectos ligados á memoria histórica impulsados polo anterior Goberno bipartito. "Teñen moito que mellorar e corrixir", advertiu aos populares, aínda que concluíu que "a pelota está agora no tellado" do Goberno central, quen debe aclarar "cando e con que medios vai actuar", e "deixarse de dilacións". 

Comentarios