O paro aumenta en 3.164 persoas en Galicia

O número de parados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en España aumentou en setembro en 13.907 persoas respecto de agosto, o menor repunte neste mes desde 2007
Paro
photo_camera Imaxe alusiva ás cifras de emprego.

O número de parados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) aumentou en setembro en 3.164 persoas en Galicia, respecto de agosto.

De acordo cos datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, o número total de desempregados situouse en setembro en 156.984, co que no último ano saíron das listas 9.336 persoas (-5,61%), sendo a quinta comunidade con maior descenso en termos relativos e a sexta en absolutos.

A Xunta destacou esta baixada do paro con respecto a setembro de 2018, por ir a maior ritmo que España, ao ser o descenso interanual galego superior en case dous puntos (1,78) ao estatal (-3,83%).

O número de parados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en España aumentou en setembro en 13.907 persoas respecto de agosto, o menor repunte neste mes desde 2007.

Así as cousas, o número total de desempregados situouse en setembro en 3.079.711, co que no último ano saíron das listas do paro 122.798 persoas.

En setembro de 2018 o paro aumentou en 20.441 persoas; en 2017, en 27.858 persoas; en 2016, en 22.801 persoas, e en 2015, en 26.087 persoas.

Segundo o Ministerio de Traballo, en termos desestacionalizados o paro baixou en 28.629 persoas en setembro respecto de agosto.

O desemprego masculino repuntou un 0,26 % en agosto, ata sumar 1,25 millóns de desempregados, e o feminino, en 0,59 %, ata 1,83 millóns.

O paro entre os mozos menores de 25 anos incrementouse en 22.694 persoas, mentres que entre os que superaban esa idade baixou en 8.787 persoas.

Polo que respecta aos sectores, en setembro o desemprego aumentou nos servizos (en 24.419 persoas) e no colectivo sen emprego anterior (9.148) mentres que diminuíu na agricultura (en 9.601 persoas), a industria (2.460) e a construción (7.599).

En setembro, o paro baixou en oito comunidades encabezadas polo País Vasco (2.444 persoas) e Castela-A Mancha (2.145), mentres que subiu nos nove restantes, especialmente en Andalucía (4.866) e Estremadura (4.025).

En setembro asináronse 2,1 millóns de contratos, un 7,29 % máis que no mesmo mes de 2018, a maioría temporais (1,8 millóns).

Só 238.723 contratos, o 11,4 % do total, tiveron carácter indefinido, dos que 130.385 eran a tempo completo e 108.338, a tempo parcial.