A participación nas autonómicas caeu por baixo do 50% lastrada por un voto CERA en mínimos históricos

O DOG publica os resultados definitivos das eleccións
Vaciado de votos dunha urna para iniciar o reconto. AEP
photo_camera Vaciado de votos dunha urna para iniciar o reconto. AEP

Só o 49% dos 2.697.490 galegos con dereito a voto emitiron o seu sufraxio nas eleccións autonómicas do 12 de xullo. Unha participación por baixo do 50% que se viu lastrada polo voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA), que marcou un mínimo histórico con apenas o 1,2% das 463.163 galegos do exterior que teñen dereito a voto. 

Este mércores, o Diario Oficial de Galicia publica os resultados definitivos das eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo nas que o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo renovou a súa maioría absoluta cos 42 deputados alcanzados tras o reconto do voto emigrante, que arrebatou ao Partido Socialista un escano por Pontevedra. 

Deste xeito, das 2.697.490 con dereito a voto nestas eleccións, só 1.320.955 emitiron o seu voto -5.726 desde o exterior-. Así, un total de 1.297.175 decantáronse por algunha das 56 candidaturas en liza mentres que 11.774 electores votaron en branco -52 máis que nos resultados provisionais-. Ademais, houbo 12.006 sufraxios nulos, 552 menos que cos resultados provisionais. 

Así as cousas, unha vez computados o voto exterior e as reclamacións, das tres forzas que lograron representación, o Partido Popular de Galicia ten 1.580 votos máis (627.762), o BNG obtén 1.203 papeletas ao seu favor a maiores (311.340) e o PSDEG suma 1.213 sufraxios respecto dos resultados provisionais (253.750).

VOTO CERA MARCADO POLAS DIFICULTADES DO COVID. Nestes comicios, o voto na diáspora estivo marcado polas dificultades engadidas derivadas da pandemia do coronavirus. De feito, o punto de partida foron as 12.359 solicitudes do Censo de Residentes Ausentes (CERA), unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século. 

Pero, ademais, houbo dificultades á hora de exercer o voto. Segundo as cifras facilitadas polas Embaixadas e Consulados ao Ministerio de Asuntos Exteriores, só o 44,74 por cento dos electores da CERA chegaron a depositar o voto nas eleccións autonómicas, o que sitúa o nivel de votación no 1,24 por cento do total de electores con dereito a sufraxio. 

Correos recoñeceu que os emigrantes en Cuba e Venezuela non puideron votar por correo por problemas na repartición da documentación nestes países. Molesta con esta situación, a Xunta pediu que se ampliase o prazo para a recepción do voto emigrante e que se atrasase o escrutinio.

Comentarios