domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

As peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57 terán bonificacións do 50% en horario nocturno

Ethel Vázquez no acto de Fegatramer. EP
Ethel Vázquez no acto de Fegatramer. EP

A intención da Xunta é "flexibilizar os prezos" nunha "tarifa nocturna" que abarcaría desde as 00.00 horas da noite até as 06.00 da mañá

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou que a Xunta de Galicia traballa para "implantar" bonificacións do 50% nos prezos das peaxes en horario nocturno nas autoestradas de titularidade autonómica AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor). Así o avanzou este sábado na celebración dos 40 anos da Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatramer) nun acto en Santiago ante representantes do sector. 

A titular de Infraestruturas expresou que comparte "as mesmas preocupacións que os transportistas" nun contexto de subida do prezo dos carburantes e das peaxes da AP-9. Por iso, comentou aos transportistas as liñas de actuación nas que traballa o Executivo galego para facer fronte a esta dobre problemática para "un sector estratéxico para a economía galega". "É unha peza fundamental para que funcionen os demais sectores", engadiu. 

Vázquez pediu ao Ministerio de Fomento que traballe na "flexibilización" dos prezos da AP-9

Neste sentido, avanzou que a Xunta realizará rebaixas nas peaxes das autoestradas da súa competencia: a AG-55 e a AG-57, "as máis baratas de España", lembrou a conselleira. Vázquez explicou que a intención da Xunta é "flexibilizar os prezos" nunha "tarifa nocturna", que abarcaría desde as 00.00 horas da noite até as 06.00 da mañá, e que suporía un desconto do 50% no prezo da peaxe.

"CANTO ANTES".  Así, a titular de Infraestruturas declarou que "tratan de predicar co exemplo". Aínda que non quixo falar de "datas concretas", prometeu que implantarán as bonificacións "canto antes". 

A conselleira pediu tamén ao Ministerio de Fomento que traballe na "flexibilización" dos prezos da AP-9 —após a súa recente subida e a que se prevé a comezos do próximo ano— porque entende que "un bo sistema de baixada de prezos pode captar máis tráfico e ser máis beneficioso para todos".

MÁIS GASOLINEIRAS. Por outra banda, Ethel Vázquez lembrou que o Goberno galego aprobou "hai uns días" no Consello da Xunta "unha importante iniciativa" para "flexibilizar e axilizar a instalación de novas gasolineiras". Deste xeito, segundo explicou a conselleira de Infraestruturas, ao haber "máis competencia" poderíanse "baixar os prezos" dos carburantes.

CATRO DÉCADAS DE FEGATRAMER. No acto de celebración do 40 aniversario da Federación Galega de Transporte de Mercadorías, o presidente, Ramón Alonso Fernández, e o secretario xeral, José Carlos García Cumplido, destacaron o traballo da institución durante este catro décadas. Aínda que celebrou os avances en materia de transportes ao longo deste corenta anos, avisaron de que "queda traballo por facer", aínda que prefiren "ver o vaso medio cheo". 

No acto na capital de Galicia, fixeron entrega de distincións a persoas "que contribuíron ao desenvolvemento de Fegatramer" desde a súa creación en 1978. 

As peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57 terán bonificacións do 50%...
Comentarios